Fene entrega os premios o seu XIV Concurso de Tapas

O “Tartar de Langostinos” da Cafetería Pachamama impúxose tanto na votación popular como na do xurado na categoría de Tapa Creativa. O Son da Cociña coa súa proposta “O Sol da Cociña” conquistou ao xurado na categoría de Tapa Tradicional, mentres que a votación popular escolleu os “Crepes de Peixe e Marisco” da Cafetería Bombay.

Recolléronse un total de 3.348 tarxetas, e 187 persoas conseguiron completar o pasaporte Fenerruta, que acredita ter probado todas as tapas a concurso.

A concelleira de promoción económica e turismo de Fene, Ángeles Coira, presidiu o acto de entrega de premios do XIV Concurso de Tapas. Un certame no que participaron nove establecementos, competindo nas categorías de Tapa Tradicional, Tapa Creativa, Tapa Popular Tradicional e Tapa Popular Creativa.

Tras a celebración deste evento, que permitiu probar as elaboracións culinarias coas que os locais de Fene sorprenderon á súa clientela, recolléronse 3.348 tarxetas. Ademais, 187 persoas conseguiron completar o percorrido, probando as nove tapas a concurso durante as dúas fins de semana que durou o mesmo.

Cos seus votos, as participantes no certame determinaron que o premio á Tapa Popular Tradicional fose para os “Crepes de Peixe e Marisco” da Cafetería Bombay, co “Montadiño ao Tío Pepe” do CCDR de Perlío como subcampioa da categoría.

En canto á Tapa Popular Creativa, impúxose o “Tartar de Langostinos” da Cafetería Pachamama, coa proposta “Ruliña!” da Cafetería Lembranza no segundo posto.

Pachamama

O xurado profesional (composto por unha persoa en representación do Concello de Fene, outra da Asociación de Empresarios de Hostalería Ferrol e Comarcas e unha terceira do Departamento de Hostalería e Turismo do IES Fraga do Eume) coincidiu en outorgar o primeiro premio da categoría Tapa Creativa ao “Tartar de Langostinos” da Cafetería Pachamama, coa “Delicia Cubana» do Galicuba no segundo posto.

Bombay

En canto á Tapa Tradicional, o xurado de expertas escolleu como campioa a proposta “O Sol da Cociña” do establecemento “O Son da Cociña”, e como subcampioa os “Crepes de Peixe e Marisco” da Cafetería Bombay.

Durante o acto de entrega de premios, a concelleira Ángeles Coira destacou “o bo facer da hostalería fenesa para conseguir sorprender un ano máis con propostas innovadoras e saborosas”, e puxo en valor o traballo dun xurado “ao que non llo puxeron doado”.

Coira puxo o foco tamén “na gran acollida desta nova edición que xa está consolidade”, e agradeceu aos establecementos participantes “a súa disposición e compromiso para construír unha oferta hostaleira de calidade”.

A concelleira de promoción económica e turismo, xunto con outros membros da corporación local, fixeron entrega dos diplomas que acreditan a súa participación a todos os establecementos, e dos trofeos e premios aos gañadores nas diferentes categorías, cortesía de Organiza Viajes, Arlo Viajes e Establecementos Aguilar.

No mesmo acto tamén se procedeu ao sorteo dos agasallos entre a clientela participante, que inclúen unha viaxe para dúas persoas (a Milán, Sevilla, Alacante, Gran Canaria ou Valencia), cortesía de Estrella Galicia; unha limpeza da tapicería dun turismo, cortesía de Ecolimpauto; e diversos obsequios patrocinados por Electroagro Fene, Bodegas Barral, Escola Bellón-Maceiras e a Imprenta San Esteban.

Tapas a concurso

Na categoría de Tapa Tradicional participaron tres establecementos, O Son de Cociña coa súa proposta “O sol da cociña”, a Cafetería Bombay cos seus “Crepês de peixe e marisco” e o CCRD Perlío co “Montadiño ao tío Pepe”.

Competindo na categoría de Tapa Creativa estiveron Arrecendo, con “Arrecendo a mar”; Bar A Ponte con “Tres continentes”; Galicuba coa “Delicia cubana”; Cafetería Lembranza con “Ruliña!”, o CMIU de Fene coa “Bolsa de Ouro” e o Pachamama co “Tartar de Langostinos”.

Lea también

Finalizan en Neda los trabajos de construcción de la nueva rotonda de Xuvia

Finalmente han concluido las obras de la rotonda de Xuvia, una intervención solicitada por el …