O edil de Novas Tecnoloxías, Román Romero, anunciou que o Concello de Narón abre este mércores 12 ás 8:30 horas o prazo de inscrición no programa Informática Divertida (INDI) dirixido a menores de 8 a 12 anos empadroados en Narón.
Romero indicou que as sesións de INDI se desenvolverán na Aula Cemit de Xuvia do 1 ao 31 de xullo en horario de mañá, de 10.00 a 13.30 horas de luns a venres, ofertándose un total de 15 prazas que se cubrirán por rigorosa orde de inscrición.
Así mesmo, o concelleiro informou que se ofrecen dez prazas para os centros cívicos sociais da zona rural: Pedroso, San Xiao, Doso, San Mateo, O Val, Castro e Sedes, onde se impartirán nas mesmas datas e horario.
Programación de videoxogos mediante programación de bloques; pensamento computacional offline; mecanografía divertida; crear personaxes con pixelart; programación con simuladores de robótica e creación de cómics dixitais son os contidos que se abordarán nas sesións, que terán unha duración total de 77 horas.
As persoas interesadas en inscribirse para as prazas da Aula Cemit poderán facelo ata o 21 deste mes ás 13:00 horas no Rexistro Xeral do Concello, a través da Sede Electrónica ou en calquera dos lugares e rexistros establecidos nos artigos 14.1 e 16.4 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do Procedemento administrativo común das administracións públicas, utilizando o formulario dispoñible na Sede Electrónica.
No caso das sesións programadas na zona rural, o prazo de inscrición tamén rematará o 21 deste mes, se ben é preciso que se anoten nos locais sociais das respectivas parroquias, tal e como explicou Romero.
Poderanse admitir solicitudes fóra de prazo no caso de que existan prazas vacantes.
Os participantes seleccionaranse por rigorosa orde de inscrición, comunicándoselles a súa participación na actividade telefónicamente entre o 25 e o 26 de xuño e tamén se publicará na web do Concello o listado de persoas admitidas, suplentes e excluídas.
Para máis información pódese chamar ao número de teléfono 981 337 700 (extensións 1502 e 1123).
O concelleiro de Novas Tecnoloxías recordou que este programa “ten sempre moi boa acollida entre as nenas e nenos da cidade, que teñen unha proposta de lecer diferente, ao tempo que didáctica, centrada no mundo da robótica”.