O alcalde de As Pontes, Valentín González Formoso, e a concelleira de Industria, Ana Pena, visitaron as instalacións da empresa Huso 29 Estudios y Construcciones, afincada no polígono dos Airíos, e adicada aos sector da construción industrial, enxeñería, obra civil e topografía.
González Formoso explicou que esta visita súmase as xa realizadas a outras empresas locais coma Gdes Wing e Invenergy, e teñen como obxectivo poñer en valor o papel fundamental das firmas pontesas no sector eólico e na economía do municipio sendo 400 as familias que viven del no municipio.
Nese sentido, González Formoso apuntou que “non é serio poñer en tela de xuízo a posta en marcha de parques eólicos por toda Galicia, xa que supoñen o sustento de moitas familias, como é o caso das Pontes”.
Asi mesmo Formoso adiantou que, Concello das Pontes e Endesa teñen un acordo para adaptar as naves asentadas no complexo do Tesouro e transformalas nun centro de recuperación e reparación.
“Estas instalacións permitirían arranxar as máis de 5.000 máquinas que Enel Green Power ten por toda Europa, para a súa futura reutilización noutros puntos do continente ou incluso en instalacións da América Latina e África. Este proxecto implicará non só a creación de centos de empregos directos senón tamén indirectos en sectores como o do transporte, a fabricación de recambios ou a pintura industrial, entre outros”, subliñou o rexedor local.
González Formoso tamén anunciou que o obxectivo do goberno municipal é seguir a respaldar este sector e iniciativas que permitan xerar novos empregos como é o caso da empresa Huso 29 tamén inmersa neste mercado a través da colaboración con empresas do sector coma Gamesa, Edp ou Cobra, en proxectos de mantemento de viarios e infraestruturas de drenaxe de parques eólicos.
Durante esta visita, José Otero Pena, director xeral de Huxo29 informou ao alcalde e á concelleira de Industria sobre os principais proxectos nos que traballa actualmente a compañía entre os que destaca a construción dunha subestación colectora en Lousame, proxectada en preto de dous millóns de euros, e a construción de 180 picadeiros para Navantia.
Huso 29 Estudios y Construcciones adícase á construción industrial, topografía e obra civil dende a súa fundación en 2005, e está fincada no Polígono dos Airíos-As Pontes.
A día de hoxe conta cun cadro de persoal de 39 persoas e, en 2023, superaron os 3,1 millóns de euros de facturación, unhas cifras que, segundo explicou o propio José Otero, se superarán neste 2024. A súa clientela maioritaria está en Galicia e, a día de hoxe, traballa con compañías coma Greenalia, Alcoa, Endesa, Rede Eléctrica, Gamesa ou Sogama, entre outros.