
O Salón “Rafael Fernández Casas”, da emblemática Sociedade “La Devesana”, acolleu o pasado venres a presentación de “Devesos, a nosa terra e a nosa xente”, o primeiro libro de ensaio de Xoán Xesús Permui (“Suso da Veiga”)
Co local desta parroquia do concello de Ortigueira ateigado de público, o acto foi presentado pola escritora Luly Dopico, que sucesivamente foi dando paso ás intervencións de Xosé María Torres, de Terras do Ortegal; do investigador e divulgador cultural Pepe Riola; e dos docentes xubilados César Martínez Yáñez e Bernardo Penabade.

No final, tomou a palabra o autor, que agradeceu as diferentes colaboracións para a elaboración e a edición do libro; e que glosou as diferentes partes da obra: o ámbito territorial de Devesos e a súa relación con Freires e as Neves; a economía agrícola, forestal, comercial e mineira; o equipamento educativo, o patrimonio material e a toponimia.

Con especial énfase referenciou os apartados dedicados ao cura Diego Castellanos y Bergaña, ás familias vinculadas ás Irmandades da Fala (Chao Maciñeira e Peña Novo) ou aos republicanos represaliados, Rafael Fernández Casas (mestre) e José Neira Fernández (ferreiro), desaparecido mentres vivía en clandestinidade.
Unha nutrida representación da cultura da comarca do Ortegal participou activamente no acto. Entre outras persoas, estiveron presentes o autor de banda deseñada Cristian F. Caruncho, a poeta Carmen Penín, Cefucho Pardo (autor dun libro sobre a historia das Grañas do Sor), o novelista Alberto Vera, o ensaísta e narrador Emilio Castro; e Diego Rodríguez Piñón, director da revista “Xeografía local”.
Galicia Ártabra Noticias de Ferrol y la comarca de Ferrolterra.