Narón acolle «Entreterras», o novo directo de SonDeSeu

A cita con Entreterras será o  domingo 2 de xuño, e o directo terá lugar no Pazo da Cultura de Narón.

Un meridiano invisible tece un fío sonoro que a través das músicas de raíz, une xeograficamente a Galicia, Portugal e Canarias. Así nace Entreterras, o novo proxecto de SonDeSeu, no que a Orquestra Folk de Galicia se acompañará de artistas comprometidos coa innovación e o respecto ás músicas tradicionais dos seus territorios.

A galega SÉS, o portugués Daniel Pereira e o canario Hirahi Afonso compartirán escenario co medio cento de intérpretes de SonDeSeu nesta nova proposta musical, que conta co apoio da Xunta de Galicia, e que o público poderá descubrir  o 2 de xuño ás 19.00 horas, no Pazo da Cultura de Narón.

O espectáculo, que dá continuidade a Arraianos (2018) na aposta pola visualización e reivindicación das músicas ibéricas, preséntase cun rechamante cartel, coroado pola imaxe dun volcán en erupción, un fenómeno que transforma o territorio ao seu paso. Este volcán representa, segundo Anxo Pintos, presidente da Fundación SonDeSeu, “a creación e destrución da paisaxe, ao igual que as músicas de SÉS, Hirahi Afonso e Daniel Pereira transforman, dun xeito vibrante e ateigado de luz, o repertorio da nosa orquestra”.

Nesta ocasión, SonDeSeu propón ao público unha viaxe sonora a través dun  concerto semiacústico, con arranxos e adaptacións que nacen das creacións de artistas de referencia nos seus territorios. “Escollimos figuras que destacan polo seu compromiso coa cultura de cadanseu lugar e mais pola súa innovación e o seu respecto á tradición tanto á hora de compoñer e producir como de interpretar”, sinala o presidente de SonDeSeu.

Así, desde a voz da cantareira e pandeireteira María Xosé Silvar, SÉS, creadora de himnos que transitan entre a tradición oral e o rock and roll, Entreterras percorre a música da creadora coruñesa para dar paso á discografía doutro grande activista cultural, neste caso do norte de Portugal, como é o cantante e tocador de corda pulsada Daniel Pereira Cristo. Coñecido pola súa destreza co cavaquinho, a súa arte entronca con outro instrumento irmán, dunha costa que –ao igual ca Cabo Verde, Azores ou Madeira– tamén baña o Atlántico: o timple, que nesta ocasión toca o canario Hirahi Afonso quen, con dous discos ás costas, “representa a esa nova xeración de intérpretes excepcionais, cunha narrativa creativa a cabalo entre a tradición e a contemporaneidade”, apunta Pintos.

A posta en relación das músicas e relatos de SÉS, Pereira e Afonso neste Entreterras non é casual. “Seguimos a tecer unha historia que tamén se pode narrar a través das cordas deses instrumentos que viaxaron polo Atlántico levando as tradicións peninsulares e insulares polo mundo adiante”, expón Pintos. Precisamente o director de SonDeSeu salienta o verso Lo puro es la mezcla. La mezcla es lo puro, do último traballo discográfico de Hirahi Afonso, para poñer en valor a confluencia que se dá neste proxecto. Ao cabo, tal e como expón Pintos, “Entreterras é unha mostra máis da mestura e da evolución que están a vivir as músicas de raíz. Tamén a galega”.

As entradas para gozar das melodías e ritmos destas Entreterras  están á venda en padroadodecultura.es.

Entradas: https://www.padroadodecultura.es/gl/espectaculos/evento/entreterras

 

 

Lea también

Ya está en marcha un nueva rondalla en Ferrol, «Nas ondas do Mar», tras la ruptura con el Club de Campo

Tras una leve la tempestad en el mundo rondallístico ferrolano al notificar el Club de …