Luns 27 de maio, día de doar vida en San Sadurniño

Doar sangue é un xesto de solidariedade e altruísmo que pode salvar vidas. O lema “doar sangue é doar vida”, utilizado pola Axencia de Doazón de Órganos e Sangue de Galicia (ADOS), destaca a relevancia desta acción, vital para o funcionamento do sistema sanitario.

E é que, malia os avances médicos, o sangue e os seus compoñentes non se poden fabricar, e todos os días precisan ser utilizados en operacións cirúrxicas, urxencias e tratamentos.

En Galicia, o SERGAS dispón de centros de doazón nas sete principais cidades e, ademais, conta cunha flota de dez autobuses que percorren a comunidade para facilitar a doazón. Unha delas situarase na praza do antigo Concello de San Sadurniño o próximo luns 27 de maio, en horario de 10:00 a 14:00h e de 16:00 a 21:00h. 

Aínda que teñamos a mellor intención, para poder dá-lo noso sangue debemos cumprir unha serie de requisitos básicos, que son o de ter unha saúde normal, pesar máis de 50 quilos e andar nunha idade comprendida entre 18 e 65 anos.

A maiores destes tamén hai outros máis específicos, como o de non ter padecido hepatite ou convivir con pacientes que a tivesen nos últimos seis meses, non ter pasado enfermidades infecciosas con febre e/ou tratadas con antibióticos nos últimos quince días, non residir nos seis meses anteriores en zonas endémicas de paludismo e non estar embarazada nin ter dado a luz nos últimos nove meses. Tamén é fundamental informarse sobre a SIDA e te-la seguridade de non pertencer a ningún grupo de risco.

Os homes poden doar ata 4 veces ao ano e as mulleres ata 3, deixando pasar un mínimo de 2 meses entre doazóns. Facelo é un acto seguro e sinxelo, posto que a Axencia de Doazón de Sangue e Órganos de Galicia aplica un rigoroso procedemento de control que garante a seguridade dos compoñentes sanguíneos antes da súa incorporación aos bancos hospitalarios.

O sistema sanitario galego precisa unha media diaria de 400 doazóns para atender arredor 500 intervencións cirúrxicas, aproximadamente 2.700 urxencias e uns tres transplantes de órganos ou tecidos.

A próxima oportunidade para sumarnos á cadea solidaria da doazón será en San Sadurniño o vindeiro luns, 27 de maio, en horario de 10 a 14:00h e de 16 a 21:00h na praza do antigo Concello (diante da Garda Civil), lugar onde estaciona habitualmente o autobús da ADOS.  Ademais de cumprir os requisitos xerais para poder doar, tamén é imprescindible agardar ata dúas horas despois de xantar e, obrigatoriamente, levar o DNI.

Para solventar dúbidas sobre a doazón ou ben consultar calquera cuestión ao respecto, podemos preguntarlle directamente ao persoal da unidade móbil, chamar ao 900 100 828 ou visitar a web da ADOS.

Lea también

Neda avanza las propuestas de mejora del actual sistema de abastecimiento de agua formuladas por Viaqua

El alcalde de Neda, Ángel Alvariño, se reunía este viernes en la Casa Consistorial con …