Acto conmemorativo na zona rural de Ferrol do Día das Letras Galegas

O alcalde de Ferrol, José Manuel Rey Varela, presidiu o acto conmemorativo das Letras Galegas, que este ano homenaxean á escritora coruñesa Luísa Villalta.

A asociación de veciños de Covas foi o escenario desta efeméride, onde se procedeu á lectura da semblanza da escritora co acompañamento musical da rondalla de mulleres de Santa Uxía de Mandiá, a rondalla  doClub de Campo e o Real Coro Toxos e Froles.

“Desafortunadamente, Luísa Villalta nos deixou de xeito prematuro con só 46 anos, pero tivo tempo a plasmar sobre o papel unha obra que perdura no tempo e que merece ser distinguida pola súa calidade e valentía”, expresou Rey Varela.

A escritora é unha das grandes figuras da literatura galega da segunda metade dos anos 80 e de principios dos 90 e asina máis de 25 obras publicadas coas que tocou todos os xéneros. O alcalde amosou a súa seguridade en que “aló onde estea, estará orgullosa de que a súa terra lle brinde este afectouso e profundo recoñecemento nesta destacada xornada”.

Durante o acto, o alcalde recordou a figura doutro escritor clave, como é o ferrolán Gonzalo Torrente Ballester, a quen o Concello dedica este 2024 con motivo do 25 aniversario do seu pasamento. Tal e como referiu Rey Varela, “el preguntábase se ‘hai algo máis natural que un pobo que fale con normalidade a súa propia lingua?’ e dicía que a súa perda debería considerarse como causa de vergoña colectiva. Como Administración responsable e comprometida coa nosa cultura, estamos hoxe aquí para que isto non ocorra”.

Rey Varela tivo tamén palabras de agradecemento para as agrupacións que puxeron música ao acto, “unha mostra máis do talento que temos na cidade e en Galicia”, concluíu.

Programación para os vindeiros días

O Concello de Ferrol artellou unha extensa programación conmemorativa desta efeméride que vai máis aló da xornada deste 17 de maio. Deste xeito, este domingo 19 ás 19:30 horas no Auditorio, celebrarase a gala musical das Letras Galegas, na que actuarán o Real Coro Toxos e Froles, Alecrín de Brión e Airiños de Fene. Ademais, vaise estrear unha obra de Juan Durán -Premio Reina Sofía 2022-, na que actuarán o barítono Gabriel Alonso e a soprano Clara Jelihovschi.

O martes 21, a escritora Yolanda Castaño -Premio Nacional de Poesía 2023-, estará a partir das 19:00 horas no centro cultural Torrente Ballester para recitar poemas de Villalta, así como poemas propios.

O programa de actividades concluirá o xoves 23 cun recital musical e poético de Luísa Villalta a cargo do grupo galego Indóciles. A cita é no centro cultural Torrente Ballester ás 19:30 horas.

Lea también

El conselleiro de Cultura destaca los avances en la candidatura de Ferrol a Patrimonio Mundial

El conselleiro de Cultura, Lingua e Xuventude, José López Campos, ha destacado el avance en …