O Plan Xeral de Ordenación Municipal de Narón pode consultarse no Concello

O Diario Oficial de Galicia publicou este mércores 15 o anuncio de información pública da aprobación inicial do documento de revisión do Plan Xeral de Ordenación Municipal PXOM, que saíu adiante coa unanimidade da corporación local naronesa no pleno celebrado o pasado mes de abril.

O documento permanecerá dous meses a exposición pública, periodo no que se poderán formular alegacións ao mesmo e, co fin de informar, dende o goberno local programáronse xornadas de atención ao público, que se sucederán nos locais sociais de cada barrio e parroquia.

A primeira das convocatorias terá lugar o vindeiro luns 20, ás 19:00 horas no centro cívico social do Paraxe, en Nelle (Castro). En cada unha das convocatorias estarán presentes o edil de Urbanismo, Pablo Mauriz, e persoal do equipo redactor do PXOM, co fin de aclarar posibles dúbidas á veciñanza.

A segunda das xornadas programadas terá lugar no barrio da Gándara, o día 22, á que seguirán este mes as de Pedroso, o día 24; Freixeiro o 27; e O Val, o 29.

No mes de xuño están concertados os de San Mateo, o día 7; Santa Icía, o 10; San Xiao, o 12, e o 19 o do Couto, todos eles nos seus respectivos locais sociais. Pendentes de confirmar quedarían as do Alto, Doso e Piñeiros, que se anunciarán unha vez se pechen as datas.

A documentación que se somete a información pública, tal e como consta no DOG, abarca todos os documentos que integran o expediente tramitado, incluídos o resumo executivo, o estudo ambiental estratéxico e un resumo non técnico do estudo ambiental estratéxico.

A documentación íntegra aprobada inicialmente poderá consultarse no xeoportal do Concello de Narón e presencialmente, a partir de mañá, na terceira planta do Concello os luns, martes, xoves e venres sen cita previa entre as 10:00 e as 13:30 horas con persoal funcionario.

Os mércores o equipo redactor atenderá na terceira planta de 10:00 a 13:30 horas e de 15:30 a 18:30 horas, e os luns e venres de 15:30 a 18:30 horas, con cita previa, que se poderá solicitar no teléfono : 981 337 700 (extensións 1602 e 1610) ou mediante un correo electrónico á dirección: edificabilidade@naron.gal.

As alegacións ao documento poderán presentarse mediante calquera dos medios previstos na Lei 39/2015, de 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas. As persoas interesadas en formulalas disporán dun modelo de alegación na Sede Electrónica e no rexistro do Concello de Narón.

“O documento reemplazará ao actualmente en vigor, do ano 2002, e permitirá marcar as liñas básicas de crecemento do Narón do futuro, unha cidade máis accesible, con mellor comunicación entre barrios, máis zonas verdes, espazos reservados a vivenda protexida e, en definitiva, unha cidade máis sostible e con mellor calidade de vida para os veciños tanto da zona urbana como da rural”, destacou Ferreiro.

Lea también

Seis deportistas del Club Arco Narón consiguen clasificarse para el Cto de España indoor

Esta semana se desplazan hasta Valladolid 6 jóvenes deportistas de la Escuela Deportiva Municipal de …