“Seis, Lorca en Galicia” en Cedeira entre os actos conmemorativos polas Letras Galegas

O Concello de Cedeira programou diferentes actos para celebrar o Día das Letras Galegas, que este ano homenaxea a figura de Luisa Villalta, unha narradora, poeta, ensaísta, filóloga e violinista que falleceu prematuramente á idade de 46 anos.

Pese a iso, conta cunha extensa obra, na que se vai recrear o primeiro dos actos propostos polo goberno municipal de Cedeira para celebrar un ano máis a literatura galega.

Será unha lectura de poemas o mesmo día 17 de maio, ás 11.30 do mediodía, na biblioteca municipal López Cortón.

O Auditorio Municipal acollerá os dous actos programados para os dous días seguintes ás 20.00 horas. O sábado 18 chegará o espectáculo de música, poesía e audiovisuais “Seis, Lorca en Galicia”, no que se recitan os seis poemas que Federico García Lorca escribiu en galego.

Rafa Fernández é o artífice deste espectáculo que celebra o fito de que o poeta granadino elixira o galego para facer a súa única incursión poética nunha lingua allea.

O programa das Letras Galegas dará paso o domingo ao concerto do músico brasileiro Nanán, un artista independiente procedente do outro lado do mundo. Compositor, luthier, docente e ecoloxista, Nanán fíxose coñecido polo tema “Casa da Floresta”, foi membro do Playing for School Change Brasil e hoxe compaxiña os seus proxectos de autor coa Kosmik Band, unha formación de músicas do mundo con sede en California.

Lea también

Ferrol, acoge el encuentro intergeneracional de corales de personas mayores

La concejala de Política Social e Inclusión de Ferrol, Rosa Martínez, presentó este jueves 21 …