O equipo Los Tobíos, gañador en Narón das “I Olimpíadas Nacionais Escolares de Seguridade Viaria”

A mascota do Camiño Escolar Seguro do programa de Educación Viaria de Narón, Pegadas, abreu hoxe a primeira edición das “Xornadas Nacionais Escolares de Seguridade Viaria” no Pazo da Cultura. O equipo “Los Tobíos”, integrado por alumnado do CEP Lois Tobío de Viveiro (Lugo), alzouse co primeiro premio tras obter a mellor puntuación global nas catro probas que se desenvolveron ao longo da mañá e nas que competiron con alumnado doutros catro centros de ensino.

O segundo posto foi para o equipo Universión”, do CEIP Piñeiros de Narón; o terceiro para o alumnado do centro San Cernín de Pamplona (Navarra); o cuarto para “Los/as Ayalas”, do CPR Ayala de Narón e o quinto para o alumnado do CPB Tirso de Molina de Colmenar Viejo (Madrid).

Ao inicio do acto proxectábase un vídeo en 3D coa imaxe de Pegadas realizado por alumnado da Facultade de Ciencias da Comunicación da UDC, un cempés deseñado no ano 2016 por Irene Navidad, entón alumna do CEIP Piñeiros, e cuxo nome ideou Javier Martínez, alumno nese ano do CEIP Ponte de Xuvia. Icía Izquierdo e Amaia el Puy, presidenta da Asociación Provincial de Autoescuelas de Navarra, presentaron a convocatoria.
Tras dar a benvida aos asistentes tomou a palabra a alcaldesa da cidade, Marián Ferreiro, que destacou o traballo realizado dende hai anos a través da Concellería de Seguridade Cidadá, á fronte da que actualmente está o edil José Oreona, co equipo de Educación Viaria, formado polos axentes da Policía Local Pedro Caneiro e Sonia López. Así mesmo, subliñou que “a gran traxectoria desta cidade na materia é froito do intenso labor desenvolvido dende o Concello e, como non, da implicación do persoal docente, familias, asociacións, entidades e empresas colaboradoras”.

Ferreiro asegurou que era un honor ter hoxe participando nas olimpíadas a cinco centros de ensino, dous deles da cidade, aos que desexou sorte antes de iniciar as probas. A alcaldesa repasou algúns dos programas levados a cabo na cidade no marco da Educación viaria, como os Camiños Escolares Seguros, o Bica e arrinca… “que nos xeraron grandes satisfaccións e recoñecementos nos últimos anos”.

Así mesmo, recalcou que “en Narón somos conscientes da importancia dunha formación en educación vial transversal, implicando a toda a sociedade, concienciándoa da importancia de acadar unha convivencia social positiva”. Finalmente, ofreceu a máxima colaboración do Concello naronés para continuar avanzando e “impulsando iniciativas que permitan que tanto os condutores como os peatóns vivan en cidades cada día máis seguras”.

A continuación iniciáronse as catro probas, unha teórica con preguntas tipo test; outra audiovisual que consistiu na proxección dun proxecto; unha terceira artística para exhibir o exercicio plástico realizado con material reciclado e relacionado coa educación viaria e, por último, descubrir unha palabra a través de catro pistas, abordándose os temas de educación viaria, primeiros auxilios, igualdade, inglés e medio ambiente.

Ao acto acudiron tamén, entre outros, o tenente xefe do destacamento de Tráfico da Garda Civil, Francisco Javier López; os policías locais Jose Carballido, de Narón, e Sergio Induráin, de Pamplona, representantes de todos os grupos políticos da corporación local naronesa, e tamén o presidente da Asociación Provincial de Autoescuelas de Madrid, Juan Carlos Domínguez; representantes da DXT e alumnado do colexio Ponte de Xuvia, que se encargou de entrevistar en directo na radio do centro, Radio Ponte, a varios protagonistas das olimpíadas.

Trala deliberación do xurado, tarefa que eles mesmo recoñeceron que non fora doada, procedeuse á entrega de premios: mochilas, diplomas e medallas que entregaron a alcaldesa, Marián Ferreiro, e os edís de Seguridade Cidadá, José Oreona, e Ensino, Olga Ameneiro.

Antes de rematar o acto subiron ao escenario a Xefa provincial de Tráfico na Coruña, María Victoria Gómez, e o presidente da Confederación Nacional de Autoescolas, Enrique Lorca, que dirixiron unhas palabras ao público asistente e coincidiron en destacar a traxectoria de Narón en materia de educación viaria, calificándoa de “impresionante”.

O equipo de Educación Viaria de Narón, Pedro Caneiro e Sonia López, foron tamén felicitados, polo traballo realizado, agradecendo “a oportunidade que sempre se nos da para traballar e desenvolver este tipo de iniciativas dende o Concello”.

Pechou o acto a alcaldesa da cidade, que felicitou a todos os equipos participantes neste evento e tamén a colaboración de todas as persoas implicadas neste evento.

Lea también

A conferencia sobre saúde mental prevista para este sábado en Narón, adíase ó día 29

A conferencia da psicóloga Rita Touza, prevista inicialmente para este sábado 23, adíase ata o …