O presidente da Deputación da Coruña, Valentín González Formoso, destacou o compromiso do Estado na recuperación do pazo de Meirás para o Patrimonio Nacional.
Foi durante a presentación do libro Cartas inéditas de Benito Pérez Galdós sobre el teatro, junto con otras cartas de Emilia Pardo Bazán, de Adelina Batllés Garrido, que tivo lugar no emblemático edificio, no seu día propiedade da autora de La Tribuna ou Los pazos de Ulloa.
Na súa intervención no acto literario, Formoso quixo darlles expresamente as grazas a todas as institucións involucradas no que foi un longo proceso, xa que “a Deputación comezou o camiño, pero recuperar o pazo para Patrimonio Nacional sería imposible sen a implicación do Goberno de España e sen o excelente traballo xurídico levado a cabo pola Avogacía Xeral do Estado”.
O presidente provincial participou no acto xunto co delegado do Goberno en Galicia, Pedro Blanco; a presentadora do programa Hoy por hoy Madrid, da Cadena SER, Marta González Novo, e a autora do libro. Nel recompílanse 51 cartas do autor canario a varios correspondentes. Ademais, o volume recolle cinco cartas de Emilia Pardo Bazán a Galdós, que datan do comezo da súa relación.
Nos textos o autor condensa boa parte da súa vida, como pai, amante, político e dramaturgo. Toda ela estivo marcada, en boa medida, pola influencia da ilustre escritora galega, inquilina orixinal das Torres de Meirás e a encargada e mandar construílas no 1893.
Precisamente, foi este un dos aspectos destacados por Formoso durante a súa intervención, na que asegurou que non é casualidade que o autor se mergullase “na escritura de obras teatro nas que abundan as mulleres con papeis protagonistas” e que se trate de “mulleres con carácter, que reafirman a súa condición e defenden a súa igualdade, liberdade e dereitos nunha sociedade por aquel entón abertamente machista e desigual”.
A programación do Pazo de Meirás estará centrada no eido cultural e na posta en valor da memoria histórica, dúas temáticas que se consideran prioritarias e que servirán para subliñar a súa importancia.
Unha recuperación histórica
O 10 de decembro do ano 2020 as portas do pazo volveron abrirse ao público tras máis de oito anos pechadas pola familia Franco, realizando así o seu primeiro evento en máis de 8 anos.
Foi a propia Deputación a que iniciou o movemento de recuperación do pazo a través da creación da Xunta Pro Devolución do Pazo de Meirás, unha asociación na que distintas administracións, historiadores, xuristas e outras organizacións relacionadas coa memoria histórica que tiña como obxectivo prioritario devolver este inmoble aos cidadáns.