Quince rapaces do IES Punta Candieira van participar na XI edición do reto “Hiperbaric Challenge”, un desafío educativo que consiste en deseñar e construír un vehículo de inercia. O Concello de Cedeira vén de confirmarlle ao equipo “Discalzos Racing Team” a financiación do desprazamento en autobús -2.178€- para que poida estar os días 21 e 22 de xuño en Burgos e participar na proba.
É un apoio importante para un proxecto que ten mobilizado xa unha auténtica ola de solidariedade tanto en Cedeira como noutros municipios.
A profesora Dulce Rodríguez Anido fala con entusiasmo do traballo do alumnado e profesorado para este concurso, ao que adican o seu tempo non lectivo e que está a atopar unha acollida extraordinaria entre familiares, veciñanza e tecido empresarial non so da propia Cedeira, senón tamén de Narón, Ortigueira, Mugardos, Cerdido e Valdoviño.
Ademáis da aportación do Concello, teñen reunido xa máis de 3.000€ para sufragar gastos de aloxamento e manutención e un patrocinador prestoulles unha furgoneta para levar o vehículo. Para seguir sumando recursos, montarán un posto no feirón de Cedeira este domingo, día 12, para vender diferentes artigos cedidos polas empresas colaboradoras.
O “Hiperbaric Challenge” é un desafío dirixido a espertar vocacións científico-tecnolóxicas. O concurso está dirixido a alumnado de 3o e 4o de ESO, Bacharelato e ciclos de grao básico, medio ou superior de toda España, e consiste en desenvolver o proxecto do coche de inercia de principio a fin, incluíndo os aspectos técnicos e de deseño, así como cuestións empresariais, de marketing e xestión.
O IES Punta Candieira xa levara un premio na edición de 2020 do certame, pero daquela o covid obrigou a desenvolver o concurso de xeito virtual. Desta volta, o “Discalzos Racing Team” vai a por todas, cun alumno e unha alumna de pilotos. A construción do coche, no que se procurou a
máxima eficiencia coa utilización de materiais reciclados, foi cousa do alumnado do ciclo medio de Mantemento Electromecánico e o superior de Mecatrónica Industrial.
Colaboran no proxecto tamén mozos e mozas do ciclo medio de Instalacións Eléctricas e Automáticas, que buscaron patrocinios e mecenazgos con grande éxito.
Viaxarán ata Burgos 15 alumnos e alumnas e dous profesores. O día 21 de xuño deberán facer unha presentación do seu prototipo diante de preto dunha vintena de centros educativos de todo o país e do xurado, e xa o sábado 22 de xuño disputarán a carreira, en varias mangas que baixarán desde o castelo ata o centro da cidade.
Tanto o alcalde de Cedeira, Pablo Diego Moreda Gil, como o primer tenente de alcalde, José Antonio Rodríguez Arribe, e o concelleiro de Educación, Noel López, asistiron recentemente a unha presentación do proxecto por parte do alumnado, no que puideron coñecelo de primeira man.
Desde o goberno municipal poñen en valor o espíritu emprendedor da mocidade e destacan que a iniciativa é unha mostra do dinamismo dos ciclos formativos do IES Punta Candieira. “A Formación Profesional de calidade, con ciclos nos que os rapaces e rapazas estean motivados e logren unha boa capacitación é a porta para a súa inserción laboral”, destacou o alcalde, Pablo Diego Moreda Gil, que expresou o orgullo do Concello polo traballo da rapazada.
“Desde o goberno local o que temos que facer é apoialos, neste caso a través deste patrocinio, e como facemos noutros casos, coas axudas ás Anpas, por exemplo, ou coa execución de melloras nos centros educativos”, apuntou.