Cedeira adxudica a reforma do antigo escolar de Santalla

O Concello de Cedeira adxudica o contrato das obras de reforma e conservación do antigo escolar de Santalla que funcionará como albergue para grupos, polo orzamento de saída, 144.901,04€ (IVE incluído), á oferta mellor valorada entre as tres que concurriron ao proceso de licitación.

A actuación vai dotar á localidade dun albergue para grupos, un recurso moi importante cara ao relanzamento do turismo activo que se prevé na zona como consecuencia do recoñecemento do Xeoparque Cabo Ortegal, e que tamén será un apoio para as actividades promovidas polo tecido asociativo do municipio.

O antigo escolar de Corredoira, na parroquia de Cervo, é un inmoble con 348 metros cadrados construídos, nunha parcela de 821 metros cadrados, que está situado ao pé da estrada provincial DP-2204.

Durante moitos anos foi empregado como lugar para a celebración de campamentos por parte da Organización Juvenil Española (OJE), á que o Concello lle cedera o seu uso. En orixe foi unha escola unitaria, levantada no ano 1962. Entre 1995 e 2003 o Concello executou obras de ampliación e mellora do inmoble e en 2013 formalizouse a cesión á OJE.

No ano 2020 o pleno da corporación acordou recuperar o uso deste edificio de titularidade municipal.

O inmoble presenta problemas de humidade, eivas no pavimento e outros problemas derivados da falta de mantemento. As obras que se van executar agora abranguen a rehabilitación da cuberta e as fachadas, así como a reforma dos vestiarios. Mellorará tamén a accesibilidade e o illamento do edificio.

A actuación terá un prazo de execución de seis meses e o Concello de Cedeira as vai acometer con cargo aos fondos do POS+Adicional 2/2023 da Deputación da Coruña. Unha das liñas de actuación principais do plan do Xeoparque Cabo Ortegal é a transición verde e, dentro deste marco, a mellora e promoción das rutas de sendeirismo.

O santuario de Santo André de Teixido é un destino icónico dentro do territorio e impulsalo é un obxectivo prioritario, no que contar co albergue de Santalla será importante. Tamén ten previsto o Concello que este recurso estea ao servizo das asociacións do municipio, que terán alí un espazo no que aloxar a grupos cando promovan as súas actividades.

Lea también

Rueda subraya la inversión en infraestructuras del agua en Ares para impulsar el turismo de calidad

El presidente de la Xunta destaca la necesidad de servicios «a la altura» del entorno …