Será mañá martes 30 de abril, ás 11:00, na sala de xuntas do centro de saúde de Narón.
Profesionais de Enfermaría Familiar e Comunitaria do centro de saúde de Narón, César Castro, Patricia Torres, Elena Quintela, Natalia Iglesias, e Lucía Castro, organizan un taller de RCP (Reanimación Cardiopulmonar), ou coñecido habitualmente como Soporte Vital Básico, mañá martes 30 de abril, ás 11:00, na sala de xuntas do Centro de Saúde de Narón.
Poderá participar calquera persoa interesada adscrita a este centro; e, polo seu carácter eminentemente práctico, é necesaria a inscrición previa no mostrador de admisión. Esta sería unha primeira sesión que tería continuidade; e enmárcase nunha serie de actividades das que irán dando conta, que responden ó interese por parte destesprofesionais de Narón de realizar accións preventivas no eido da atención familiar e comunitaria.
A parada cardiorrespiratoria é unha das principais causas de morte. A gran maioría destas paradas cardiorrespiratoria prodúcense fóra do ámbito hospitalario, é dicir, no fogar ou en lugares públicos. As posibilidades de supervivencia a unha PCR nun lugar publico poden variar do 1 ó 10%, sendo moito máis reducidas esas posibilidades en ausencia dunha pronta resposta polas persoas que presencien esa parada. Iniciar as manobras de reanimación cardiopulmonar (RCP) multiplica as posibilidades de supervivencia.
Teoría e práctica para axudar a salvar vidas
Por todo isto, dende o centro de saúde de Narón realizarán estes talleres que comezan mañá, que instrúen á poboación para que saiban recoñecer unha parada cardiorrespiratoria e inicien as manobras de reanimación cardiovascular. O obxectivo fundamental, polo tanto, é “empoderar á poboación en canto ó recoñecemento dunha PCR extrahospitalaria e do inicio das manobras de RCP”, explican os organizadores. Ademais, preténdese dar a coñecer as pautas de actuación noutras situacións potencialmente graves pero reversibles como é o atragantamento, o que se coñece como obstrución da vía aérea por corpo estraño ou polas súas siglas (OVACE).
A intervención basearase nun taller que se divide en dúas partes diferenciadas. Unha primeira parte teórica onde se abordarán de forma breve e concisa os conceptos básicos para identificar unha Parada Cardiorrespiratoria, e saber os pasos para seguir para iniciar unha Reanimación Cardiopulmonar, como cadea de supervivencia, compresións de calidade, ou desfibrilación, entre outras. Ademais, como se dicía, abordaranse os algoritmos ante unha situación de atragantamento. Nunha segunda parte práctica, realizarán unha serie de simulacións para levar á práctica os conceptos abordados na primeira parte.