Cedeira reclama unha solución aos repetidos episodios de contaminación das augas do seu litoral

O alcalde reclama a reunión cos responsables autonómicos e recorda que está solicitada desde novembro pasado.

O alcalde de Cedeira, Diego Pablo Moreda Gil, recorda á Xunta de Galicia o problema de contaminación que está afectando ás augas do litoral de Cedeira, con graves consecuencias para os bancos marisqueiros de Pantín, Esteiro e Vilarrube.

As analíticas de toda esta zona, na que tradicionalmente as augas tiveron unha excelente calidade, reflicten desde o ano 2020 ocasionais elevacións do índice de E.coli e a situación é cada vez máis frecuente. Fixárase un encontro coa delegada territorial da Xunta, Martina Aneiros, para o 23 de febreiro pero a cita foi adiada por cuestións de axenda. “De maneira que levamos esperando xa 128 días a que os responsables na materia nos reciban e poder tratar este problema, que é moi grave”, explicou o rexedor de Cedeira.

Moreda Gil e o alcalde de Valdoviño, Alberto González, mantiveron a mediados de novembro pasado unha reunión coas mariscadoras que traballan no litoral afectado. Coa detección da contaminación por E.coli, os bancos de ameixa e berberecho foron clasificados como zonas C, de maneira que o marisco alí recollido é reinstalado nunhas xaulas ata que acadan os niveis dunha zona A.

Desde a Confraría de Pescadores e Mariscadores de Cedeira alertan de que as últimas analíticas ameazan tamén coa recalificación da praia da Madalena e chaman a atención sobre o feito de que ás veces as analíticas dan uns resultados excelentes e outras saen moi mal, o que fai pensar en que son verquidos puntuais e non constantes.

O alcalde de Cedeira xa mantivera en decembro un encontro co presidente de Portos de Galicia, José Antonio Álvarez, na que se reclamou a este organismo que ordene o saneamento da zona portuaria de Cedeira, que é da súa competencia e na que existen puntos de verquido.

É urxente que os organismos concernidos, entre os que está Portos de Galicia e tamén Augas de Galicia, o Intecmar e as consellerías de Sanidade e Medio Ambiente, adopten medidas urxentes”, reclamou o alcalde de Cedeira. “Non é exclusivamente un problema do marisqueo, que para nós é un sector importantísimo, tamén de saúde pública”, subliñou.

Lea también

Navantia Puerto Real se la juega con el portaviones que quiere construir la Armada

El astillero de la Bahía tiene una dura competencia en Ferrol para conseguir este contrato …