A Deputación aproba máis de 1M€ para melloras nas estradas en Miño e Oza-Cesuras

O pleno da Deputación da Coruña aproba  por unanimidade investimentos por máis de 1 millón de euros para a mellora da seguridade vial en dúas estradas provinciais dos concellos de Miño e Oza-Cesuras.

O primeiro dos proxectos suporá a renovación da capa de rodaxe na DP-0106, que vai de San Vicente de Vigo a Oza dos Ríos e suporá un investimento de 502.900,99 euros.

A actuación mellorará o tramo comprendido entre o PQ 8+200 e o PQ 13+220 e inclúe a extensión dunha capa de mestura bituminosa en quente compactada de mestura para a regularización en zonas puntuais, nas que sexa necesario por afundimentos. Completarase coa extensión dunha capa de 5 centímetros de espesor deste mesmo material.

De maneira previa, procederase ao despexe e limpeza das beiravías e ao desbroce dos noiros, así como á poda do arborado que supoña un perigo para a seguridade vial, ademais do fresado necesario en zonas de entronque con outras estradas e entradas de parcelas.

A obra completarase coa renovación da sinalización horizontal mediante pintura acrílica en base acuosa e a adaptación das tapas de rexistro de pozos e sumidoiros á nova rasante.

Co obxectivo de incrementar a seguridade e facilitar o mantemento do tráfico, procederase á execución das melloras primeiro por unha marxe e, posteriormente, pola outra; de modo que a vía manterá o seu servizo nun dos carrís en todo momento.

Mellora da DP 4803 en Miño

O pleno da Deputación da Coruña, celebrado o 26 de abril, aprobou o inicio dos trámites para levar a cabo o proxecto de reforzo do firme na DP 4803, no Concello de Miño, desde o PQ 0+000 ata o PQ 4+000, que contará cun orzamento de 540.879 euros,.

O obxectivo é o de contribuír á mellora das condicións de seguridade da circulación. As obras a realizar inclúen a renovación do pavimento en zonas afectadas localizadas, a instalación de saneamento nunha superficie aproximada de 7.000 metros cadrados e a posterior dotación dunha capa de rodaxe nunha superficie de 34.665 metros cadrados, constituída por unha mestura asfáltica en quente.

A continuación realizarase a sinalización dos tramos froito da actuación, dotándoos de marcas viais con pintura acrílica para conformar o eixo e as bandas laterais da calzada, complementándoo coa sinalización vertical para a mellora da seguridade vial en todo o tramo.

Coa execución desta renovación increméntase a seguridade vial nunha das estradas da rede provincial, á vez que se melloran as infraestruturas básicas do Concello de Miño, facilitando os desprazamentos da súa veciñanza.

Lea también

Neda mantendrá abierto todo el año la solicitud de sus ayudas de natalidad

El Ayuntamiento de Neda recuerda que mantiene abierto durante todo el 2024 el programa de …