A REGAPS da Área Sanitaria de Ferrol organiza un ciclo adicado á Fibromialxia no centro de saúde de Narón

A Rede Galega de Promoción da Saúde (REGAPS) e a Subdirección de Humanización, Calidade e Atención á Cidadanía da Área Sanitaria de Ferrol organizan un ciclo denominado Xoves de Fibromialxia

Así, dedícanse tres xoves, o 25 de abril, o 9 de maio, e o 13 de xuño, para tratar algún aspecto relacionado con esta enfermidade. Dende Regaps indican que se tratarán diversos “temas de interese que poden incidir favorablemente na enfermidade”.

As charlas comezan, este xoves 25 de abril, no centro de saúde de Narón, dedicándolle especial atención ó exercicio físico e á alimentación. Este primeiro día das tres xornadas comeza ás 11:15 coa presentación do ciclo ós e ás asistentes por parte das profesionais integrantes de Regaps, Sofía Puente Saavedra e Mª Cruz Fernández Miramontes; e do propio subdirector de Humanización, Calidade e Atención á Cidadanía da Área Sanitaria de Ferrol, Juan Manuel González Lorenzo.

A intervención sobre a Fibromialxia e o exercicio físico abre o ciclo, ás 11:30, e será impartida polas profesionais de Fisioterapia da Área Sanitaria de Ferrol, Sonia Gómez e Cristina Cotovad. Ás 12:30, a protagonista será a alimentación saudable, coa intervención dos nutricionistas-dietistas da Área Sanitaria ferrolá, David Novo e Lorena Díaz.

En ámbolos dous casos, explican dende Regaps, trátase de “formar e informar, en liñas xerais, sobre estas cuestións adaptadas á enfermidade. E, no caso que se poida, dar unha serie de consellos prácticos que poden incidir en mellorar o estado de saúde”.

Nas seguintes, o 9 de maio, as claves serán os aspectos psicolóxicos e emocionais da enfermidade e a Terapia ocupacional na calidade de vida das persoas con fibromialxia. Por outra banda, a abordaxe podolóxica da dor crónica e a unidade terapéutica da dor serán as temáticas centrais da terceira e última das xornadas, o 13 de xuño.

Lea también

Curso de Manexo de móbiles intelixentes en Narón dirixido a maiores de 60 anos

O Concello de Narón abriu o prazo de inscrición en Conéctate á era dixital, unha …