O BNG de Ferrol a través dun comunicado anuncia que diferentes colectivos da cidade de Ferrol (A Mesa, asociación Muiño do Vento, Ferrolterra antiga, CIG, Medulio; federación de Anpas, asociación veciñal de Canido, PSOE, Ferrol en Común, BNG entre outras) valoraron «o comportamento do goberno local de Ferrol tras ter publicado unha instrución que, vulnerando a lexislación, obrigaba a redactar os expedientes de contratación municipais en Español e desta situación destacaron que a lingua galega está viva e que a sociedade está disposta a actuar para defendela».
Marcos Maceira, presidente da Mesa, lembrou que «a instrución do goberno local foi amplamente contestada polo tecido social de Ferrol que promoveron unha serie de pronunciamentos que provocaron a retirada, unha semana mais tarde desta instrución e lembrou que pese ao primeiro anuncio mediático o goberno local tardou máis dunha semana en rectificar formalmente e foi precisamente a acción do tecido social quen provocou isto polo que salientou que debemos temos parabenizarnos».
«Isto demostra que hai un corpo social que apoia ao galego e que está disposto a actuar para repor, rehabilitar e normalizar a lingua galega e tamén evidencia que o que fai falta é o apoio por parte das institucións, dos poderes públicos que teñen a obriga a seren activas na defensa do galego».
Delia Vazquez, que forma parte do Consello municipal da Lingua, afirmou que «a instrución anulada polo do goberno local prodiciunos sorpresa e decepción porque na ultima reunión do consello da lingua percibiramos unha sintonía neste organismo por ensanchar o uso do galego a actividades onde non viña sendo regular ou normativo o que chocaba con esta instrución». «Destacou que agarda que no futuro o camiño a percorrer sexa na dirección de ir para adiante e nunca retroceder nos usos da lingua galega».
Rafael Aguirrebengoa, da asociación Muiño do Vento, salientou que «a instrución era unha norma que apartaba ao galego dunha parte da actividade administrativa do concello. Unha norma cun fondo sentido político porque negaba a unha parte da poboación a posibilidade de facer toda a súa vida en galego».
«Crearon un problema e aínda que despois o correxiran, o que nos alegra, fixérono arrastrando os pes. Tardaron unha semana en facer un trámite que era sinxelísimo e destacou que o movemento social existe e que se estamos atentos e vixiamos somos quen de facer fronte a este tipo de medidas».
Elia Rico, da Sociedade Cultural Medulio, considera esencial «reivindicar a lingua porque é a única maneira de reafirmarnos e ter autoconfianza a e agarda que o concello de Ferrol siga promocionando o uso do galego en todos os ámbitos porque unha lingua está para ser empregada e o galego ten que usarse». E valorou como «algo positivo a rectificación municipal aínda que fora tarde».