Formoso reafirma o compromiso da Deputación na atención as persoas con dano cerebral

O presidente da Deputación, Valentín González Formoso, valorou “o labor imprescindible” que desenvolven as entidades sen ánimo de lucro da provincia no eido sociosanitario.

Formoso e a deputada de Política Social, Mar García Vidal, visitaron a sede da Asociación de Dano Cerebral de Compostela Sarela, unha das 30 beneficiarias das axudas que a Administración provincial vén de resolver este mes dentro da liña de subvencións destinada a apoiar o mantemento de programas dese ámbito.

Formoso e García percorreron as instalacións na compaña da directora do centro, Rocío García Calvo; o secretario, Luciano Fernández, e Juan Martínez, membro do grupo de primeira persoa de Sarela.

Durante a visita tiveron oportunidade de coñecer polo miúdo os diferentes servizos que ofrece a entidade, como o de información, orientación e apoio a familias; o de atención especializada; o de atención diúrna terapéutica; o de mellora e mantemento da autonomía persoal e inclusión social; o de orientación laboral, ou a terapia acuática.

A Deputación vén contribuíndo de forma sostida ao mantemento da actividade de Sarela, a través dos seus programas de subvencións. No caso da deste ano, acadou os 34.000 euros. Nese senso, o presidente provincial destacou que, “pese a que a Deputación non ten as competencias na materia, sempre está atenta ás necesidades e ás demandas que poidan ter as entidades”.

Así llo trasladou aos responsables de Sarela na reunión que mantiveron despois de que Formoso asinase no Libro de Ouro da entidade.

O apoio económico da Deputación contribúe a iniciativas coma a atención individual, que chega a 125 usuarios de Sarela; a realización de actividades dirixidas a familias, das que se benefician 55 persoas, ou accións de coordinación con servizos sociosanitarios, que implican a 120 profesionais.

As subvencións provinciais a entidades sen ánimo de lucro para o mantemento de programas sociosanitarios forman parte dun programa máis amplo de axudas a cargo dos Servizos Sociais da Deputación, do que se benefician un total de 273 entidades.

Lea también

Palo Santo do Camiño, uno de los mejores quesos mundo por los “World Cheese Award

Palo Santo, con su queso curado “Palo Santo do Camiño” de 12 meses, ha sido …