A alcaldesa de Narón visitou as obras do campo de tiro con arco no polígono de Río do Pozo

A alcaldesa, Marián Ferreiro, e o edil de Obras, Pablo Mauriz, desprazáronse na mañá deste martes ao polígono de Río do Pozo, onde se está construíndo o novo campo de tiro con arco.

A construción, tal e como recordou a rexedora local suporá un investimento de algo máis de 400.000 euros e permitirá “incrementar a oferta en instalacións deportivas na nosa cidade, cunhas instalacións moi completas para todas as persoas que practiquen o tiro con arco que farán posible atender outro dos compromisos adquiridos coa veciñanza”.

Ferreiro e Mauriz comprobaron o avance das obras, onde xa se levantou parte da construción dun edificio auxiliar que permitirá albergar diferentes espazos, como unha zona de recepción, almacén, aseos… O campo contará ademais cunha zona de disparo, con pérgola metálica e unha pista de 60x 95 metros, tal e como figura no proxecto dos traballos actualmente en execución.

A actuación completarase co acondicionamento da zona verde que rodea á edificación e as medidas de protección que competen a este tipo de instalacións. “Nos vindeiros meses poderá estar operativa esta nova construción para uso e desfrute daquelas persoas que practican este deporte na cidade e tamén para organizar eventos vencellados co mesmo”, recalcou Ferreiro.

“Dende o Consistorio continuaremos apostando por completar a rede de instalacións deportivas que temos na cidade, mellorando as xa existentes ou como neste caso habilitando outras novas que nos permitan que Narón siga sendo un referente no ámbito deportivo”, asegurou a rexedora local.

Lea también

A Asociación Cultural Vai Rañala Meu! organiza un obradoiro de toque de pandeireta

A Xornada terá lugar este domingo 13 no Centro Cívico Social de Sedes e será …