O secretario xeral para o Deporte, José Ramón Lete Lasa, presentou a Liga Galega de Hip Hop Xunta de Galicia, da man da presidenta da Federación Galega de Baile, Graciela Toba.
Lete Lasa fixo un percorrido pola evolución do baile deportivo en Galicia dende que en 2021 se recoñeceu a especialidade deportiva de break e se creou a Liga Xunta de Galicia de Breaking, en consonancia coa aposta do COI polos deportes urbanos no programa olímpico.
Dende aquela, a Federación Galega de Baile, creada en 2023, conta xa con case 600 licenzas, das que o 78% son femininas; a Liga Xunta de Galicia de Breaking encara en 2024 a súa cuarta edición; e Galicia conta xa con dous campións de España de break dance como son David Amor (en sub-21) e Alicia Babarro (júnior).
Grazas a esta nova liga de baile de hip hop, novos estilos de baile chegarán -tanto de xeito individual como grupal- a todos os que queiran participar nas categorías baby (deportistas nados entre os anos 2015 e 2020), infantil (deportistas nados entre os anos 2012 e 2014), júnior (deportista nados entre os anos 2009 e 2011), youth (deportistas nados entre os anos 2006 e 2008), absoluta (deportistas nados entre os anos 2005 e anos anteriores), premium (deportistas nados entre o ano 1994 e anteriores).
Todos estes grupos constarán dun mínimo de catro deportistas e un máximo de 20. Ademais, a categoría megacrew (deportistas nados entre o ano 2013 e anteriores) serán grupos dun mínimo de 20 deportistas e un máximo de 50.
A liga galega comprende catro probas que comezarán este domingo 14 en Narón (A Coruña), para continuar o 12 de maio en Mugardos (A Coruña), o 2 de xuño en Lugo e o 29 de xuño en Marín (Pontevedra).