O Concello de Pontedeume xa ten redactado o proxecto da primeira fase da reforma da piscina municipal
“Aprobaremos próximamente o proxecto para proceder á súa licitación, unha primeira actuación nas instalacións que terá un orzamento que ronda os 300.000 euros”, explica o alcalde de Pontedeume, Bernardo Fernández.
“Queremos que os nosos veciños teñan a piscina que merecen, despois de varios anos de problemas polo mal estado das instalacións, derivado da xestión de anterior goberno local”, afirma o concelleiro de Deportes, Joshua Dopico.
Os mesmos arquitectos que deseñaron a piscina hai máis de 20 anos elaboraron unha auditoría que revela que “o concello, cando gobernaba o PP, permitiu a realización de obras e actuacións que perxudicaron o estado e o funcionamento das instalacións”, engadiu o concelleiro de Deportes, “tal e como se pode comprobar nas conclusións do citado documento”.
O informe concreta, entre “as patoloxías” máis destacadas do edificio, as humidades provocadas “por condensacións, debido a un uso incorrecto do sistema de climatización, ao cambio da actividade na zona afectada ou ás novas compartimentacións”, así como “ás filtracions provocadas polo mantemento, realizado de forma tardía ou sen a constancia necesaria”.
O texto destaca tamén que “o mantemento realizado durante a vixencia da concesión na piscina foi o mínimo” e “as novas dotacions de SPA xeraron máis problemas que beneficios”.
“Atopámonos cun edificio exhausto, onde o incorrecto mantemento e as inadecuadas modificacions deterioraron a instalación ata o límite durante a etapa na que a concesión estaba en vigor e polo tanto, era posible obrigar á concesionaria á súa correcta realización, algo que non se fixo”, conclúe Bernardo Fernández.
A auditoría recolle por outra parte que se fixeron obras que modificaron partes estruturais da piscina e provocaron o seu deterioro. Todo isto supón a necesidade de acometer un investimento importante e a primera fase do proxecto xa está listo.