A UDC colabora na organización do Campionato de España Universitario de Vela 2024

A Universidade da Coruña UDC en colaboración coa Federación Galega de Vela e o Concello de Vilagarcía, organiza o Campionato de España Universitario de Vela 2024, que se celebrará do 16 ao 19 de abril nas instalacións do Centro Galego de Vela que a Federación ten no concello vilagarcia.

A competición, que por vez primeira terá lugar fóra das augas do Mar Mediterráneo, foi presentada na Casa Consistorial de Vilagarcía, nun acto presidido polo alcalde da localidade, Alberto Varela, e no que participaron a vicerreitora de Divulgación Cultura e Deporte da UDC, Cristina Naya; o presidente da Federación Galega de Vela, Manuel Villaverde; o presidente da Fundación de Deportes de Vilagarcía, Carlos Coira; a directora de Deportes da UDC, Marta Bobo; e o coordinador da Área de Deportes da UDC, Manuel Moya.

Na súa intervención, a vicerreitora de Divulgación, Cultura e Deporte da UDC destacou a implicación directa que a Universidade da Coruña ten desde sempre coa actividade naútica, “a nivel docente coa súa Escola de Naútica, e por albergar o que foi no seu día o primeiro INEF de España cunha especialidade de vela”.

Dentro deste contexto, a Universidade da Coruña presentou ao Consello Superior de Deportes (CSD) a solicitude de organización do campionato este ano, co fin de impulsar a actividade náutica na UDC e dar a coñecer ao resto de universidades españolas as magníficas instalacións náuticas e inigualables augas das rías galegas para a práctica da vela.

Segundo Cristina Naya, solicitouse ao CSD que se puidese chegar á máxima participación de universidades dentro das limitacións do número de embarcacións dispoñibles e dos tres días de competición, pasando a ofrecer 18 prazas en vez das habituais 12 que se distribúen por comunidades autónomas. Finalmente e xa coa inscrición pechada, confirma a vicerreitora da UDC, “o número de universidades inscritas é de 14, o que supón un récord de participación respecto a edicións anteriores”.

En concreto, as universidades que tomarán parte na competición son a Pompeu Fabra, Alacante, Cádiz, Cantabria, Politécnica de Madrid, Politécnica de Valencia, Vigo, Politécnica de Cataluña, Oviedo, Santiago de Compostela, Murcia, Illas Baleares, Valencia e a da Coruña.

Esta edición do Campionato de España Universitario de Vela será, ademais, a primeira que se desenvolverá en condicións de igualdade de xénero. Os equipos participantes estarán compostos por catro integrantes mixtos de dúas mulleres e dous homes. Competirán nun total de seis embarcacións da clase Elliot 6M coas que conta a Federación Galega de Vela no seu Centro de Tecnificación de Vilagarcía. O formato da regata será o de flota con xuízo directo no mar, con mangas moi curtas onde se priorizará que cada equipo faga o máximo número de probas.

A competición arrancará o martes 16 nas inmediacións de Vilagarcía.

A primeira xornada estará dedicada ás acreditacións e adestramentos. A continuación, o mércores e o xoves terán lugar as regatas clasificatorias, e xa o venres día 19 desenvolveranse as finais xunto coa posterior entrega de premios.

Participación da UDC

A Universidade da Coruña participou desde a súa creación en todos os campionatos universitarios de vela que se organizaron ata o de agora, obtendo medallas nalgunhas delas e chegando a representar a España no Campionato do Mundo Universitario de Vela no ano 2018. Na edición de 2024 intentará obter os bos resultados acadados en edicións anteriores; como a medalla de ouro conseguida en 2018, ou os cuartos postos dos anos 2017 e 2022.

Institucións colaboradoras

Na organización do campionato colaboran coa UDC as seguintes institucións e entidades, ás que a vicerreitora de Divulgación, Cultura e Deporte da UDC agradeceu o seu apoio:

O Concello de Vilagarcía, que achegará os medios necesarios de asistencia sanitaria de Protección Civil e organizará a recepción dos equipos participantes no evento do día 18.

A Real Federación Galega de Vela, que pon a disposición da competición a súa instalación de Vilagarcía e as embarcacións, así como o comité de regatas, xuíces e outro persoal coa máxima capacitación e experiencia a nivel nacional e internacional.

O Porto de Vilagarcía, que cede o uso dos seus espazos e pantaláns.

As Asociacións Rompetimóns de Carril e Calmoseira da Ila de Arousa, polo uso dos seus galeóns de madeira que serán utilizados como bases de apoio para as tripulacións que queden en espera durante as quendas da competición. Supermecados GADIS, polo seu patrocinio con avituallamento e hidratación.

Agradecemento do alcalde

Pola súa banda, o alcalde de Vilagarcía, Alberto Varela, deu as grazas á Universidade da Coruña e á Real Federación Galega de Vela por ter pensado en Vilagarcía para desenvolver este evento tan importante. Claro que, segundo dixo, a decisión non foi casual.

Por un lado, a cidade conta co Centro de Tecnificación de Veña de Galicia, “que nos fai referencia en toda Galicia e en toda España. Por outro, “temos a sorte de vivir na ría máis navegable do mundo, un lugar privilexiado para os deportes náuticos e especialmente para a vela”, engadiu.

Lea también

Venta de entradas para el partido CD Castellón-Racing Club Ferrol

Ya están a la venta las entradas para la grada visitante en el estadio Skyfi …