Narón leva a pleno extraordinario o orzamento municipal por importe de 37,6M€

O Concello de Narón acollerá este venres 11 un pleno extraordinario no que se someterá a aprobación o orzamento municipal deste ano, por un importe de 37.681.368 euros.

A alcaldesa da cidade, Marián Ferreiro, e o edil de Facenda, Román Romero, presentaron este mércores 10 o documento contable trala Comisión de Contratación, Persoal e Especial de Contas. A rexedora local incidiu en que se trata dun orzamento realizado “co máximo realismo e reponsabilidade, no que se prioriza novamente a atención ás persoas, cubrindo as súas necesidades básicas, e que se concibe como dinámico, para poder adaptalo ás necesidades de gasto municipal en cada momento puntual no caso de que fose preciso”.

A rexedora local explicou que o documento parte da base da “estabilidade” e subliñou que se recolle “un incremento moi substancial no contrato do Servizo de Axuda no Fogar, no que aumentamos nuns 400.000 euros a aportación municipal debido a que o financiamento da comunidade autónoma non permite prestalo dun xeito satisfactorio nin atender ás actuais necesidades do mesmo”.

Destacou tamén Ferreiro que o capítulo de investimentos se incrementa nun 30,87% con respecto ao exercicio anterior. A adquisición de vehículos para o SPEIS; a reposición de pavimento en varios camiños da zona rural; a mellora da eficiencia enerxética no alumeado público da estrada de Cedeira e do polígono de Río do Pozo; melloras nos centros cívicos sociais de San Xiao, Doso, A Gándara, A Solaina, Xuvia…; a reforma das bancadas do pavillón Campo da Serra e a adecuación do pavillón do Val para pista de hockey; a homologación das pistas de atletismo de Río Seco; instalación de marquesiñas na zona urbana e rural e a posta en funcionamento do museo ubicado no muíño de Xuvia forman parte dos investimentos recollidos no documento contable do actual exercicio.

Román Romero apelou a dificultade que supón novamente para o Consistorio “a gran problemática dos últimos anos de ter que asumir competencias que non son propias do Concello senón doutras administracións, un feito que lastra poder levar a cabo outras funcións ou investimentos na cidade”. “Partimos dunha posición, como dicía, estable e realista, que nos permite atender e afianzar os piares sobre os que se asenta este orzamento, co que queremos seguir construíndo o Narón do futuro, tendo moi clara a nosa prioridade, as persoas”, recalcou a rexedora local.

Ferreiro avanzou que “o documento contable está feito pensando na nosa veciñanza, a través da que poder continuar avanzando cara á modernidade e o progreso, sempre co benestar cidadán como bandeira e atendendo os servizos básicos”, asegurou.

Lea también

A conferencia sobre saúde mental prevista para este sábado en Narón, adíase ó día 29

A conferencia da psicóloga Rita Touza, prevista inicialmente para este sábado 23, adíase ata o …