Medio centenar de persoas participan no simulacro de emerxencias realizado en Xuvia e na Gándara

O simulacro de emerxencias realizado este martes 9 na desembocadura do río Xuvia e na enseada da Gándara cumpriu os seus obxectivos. A iniciativa enmárcase no proxecto europeo Covalex, a cargo da Universidade da Coruña e a Cátedra de Protección Civil e Xestión de Emerxencias, coa colaboración dos concellos de Narón e Ferrol.

A alcaldesa de Narón, Marián Ferreiro, e os edís de Seguridade de Narón e Ferrol, José Oreona e Pamen Pieltain, participaron na convocatoria, que contou tamén coa presenza da vicereitora do Campus de Ferrol, Ana Ares, e do xerente do Consorcio Provincial Contraincendios e Salvamento, Luis Barca, así como de persoal de Protección Civil de Narón e Ferrol, da Policía Local de Narón, de Axega 112, Cruz Vermella, GES, Salvamento Marítimo e de Urxencias Sanitarias 061.

Ao longo da mañá leváronse a cabo os tres simulacros previstos, unha rotura parcial da parede da presa do Rei, que provocou saída incontrolada de auga e unha repentina crecida do río; o rescate dunha persoa atrapada no cauce fluvial e o de parte dos ocupantes dun autobús escolar que supostamente caeu á ría na zona da Gándara.

Un posto de mando xunto á enseada da Gándara permitiu controlar parte do o operativo en pantallas instaladas para a ocasión, participando como observadores estudantes de Italia, Austria, Grecia… unhas setenta persoas que tomaron parte nas actividades formativas asociadas a esta iniciativa que levaron a cabo medio centenar de profesionais de diferentes sectores.

Ao longo de catro horas e en tres escenarios diferentes, levouse a cabo a iniciativa, “na que se puxeron en marcha unha serie de operativos que permiten comprobar a eficacia dos actuais protocolos dos servizos que terían que intervir antes estes supostos”, apuntou a rexedora local naronesa.

Unha vez realizado, analizaranse cada unha das actuacións executadas para ver se a capacidade de resposta ante estas situacións foi a máis efectiva ou se é susceptible dalgunha posible mellora ou de aplicar algunhas innovacións vencelladas a cada unha das actuacións operativas, tal e como indicou Ferreiro.

A alcaldesa da cidade agradeceu “o traballo que realizaron todas as persoas que participaron neste simulacro, facendo posible unha acción moi importante de cara ás planificacións e coordinación dos diferentes servizos ante este tipo de incidentes”. Ferreiro incidiu en que “todos e cada un dos e das profesionais que traballan neste ámbito teñen unha entrega e unha vocación que se ve no día a día e que é digna de todo recoñecemento”.

Lea también

Inaugúrase en Narón o Centro de Interpretación dos Muíños Industriais de Xuvia

O Centro de Interpretación dos Muíños Indutriais de Xuvia (CIMIX) está xa aberto á cidadanía …