O Concello de Narón conmemorou este luns 8 o Día Internacional do Pobo Xitano cun acto presidido pola edil de Benestar Social, María Lorenzo e ao que tamén acudiron outros edís da corporación local.
Persoal da Acción Familiar Ferrol (AFA) acudiu tamén á convocatoria, na que participaron varias persoas de etnia xitana, colectivo ao que se homenaxeou no acto. No Concello loce tamén dende o citado día, e durante toda a semana, a bandeira xitana, reivindicando a defensa dos dereitos do colectivo e lotando contra a discriminación e o antixitanismo.
A edil de Benestar Social recalcou que o día de hoxe é “unha data de conmemoración a toda a loita do pobo xitano e unha reivindicación da súa cultura e os seus costumes”. Así mesmo, destacou a importancia da “conciencia social” para erradicar a desigualdade social que lamentablemente existe a día de hoxe co colectivo.
Trala interención de María Lorenzo proxectouse un vídeo de AFA centrado na temática da sensibilización, un traballo enmarcado dentro do convenio de colaboración que a entidade mantén con Consistorio naronés dende hai varios anos. A través dunha voz en off, pregúntase como se cre que é a vida dunha persoa xitana… e no mesmo participan varias mulleres, Brenda, Débora, Estefanía, Soraya, Sulamita e Thalía, participantes da formación de Mellora da Empregabilidade que AFA Ferrol leva a cabo a través do Programa de Intervención Integral destinado á comunidade xitana do concello de Narón.
Colocan sobre unha delas unha serie de clichés (ladróns, clan, non hai vivendas para eles…) pedindo unión para consrtuír un mundo sen prexuízos. Nese intre, retíranse os clichés e as mulleres danse a man para avanzar nesa liña. Precisamente cunhas mans de cor verde, azul, vermello, recordando ás da bandeira xitana remata o vídeo.
A maiores, co fin de poñer en valor a labor humana de persoas no ámbito relacionado co sector do marisqueo e a inclusión laboral, social… das persoas xitanas, realizouse un recoñecemento ao colectivo xitano que traballa no sector marisqueiro como mariscadores, con permiso de explotación para o marisqueo a pé, habilitándoos para exercer esa actividade.
“Pola súa constancia e esforzo, polo seu labor de coidado do mar, sementando especies, mariscando seguindo as cotas e vixiando para que non se perda a riqueza da ría e do mar”, recalcaron no acto. No 2015 varios homes de etnia xitana iniciaron ese camiño que seguiron posteriormente varios máis, hoxe “exemplo e modelo de referencia para fillos e fillas, sobriños e sobriñas, netos e netas, que poden ver neste oficio un emprego de futuro”.