O parque do Cadaval en Narón loce unha placa en recordo da familia Díaz Corral

Unha placa conmemorativa lembra no parque do Cadaval á familia de Rudesindo Díaz Beceiro e Benigna Corral Yáñez, “pola súa solidariedade e compromiso en favor das persoas perseguidas pola ditadura franquista, dándolles refuxio, sen reparar en sacrificios, no seu domicilio de Cornido”.

A alcaldesa da cidade, Marián Ferreiro, presidiu o acto organizado polo Concello de Narón en colaboración coa Asociación Memoria Histórica Democrática e ao que tamén acudiron Manuel Fernández Pita e Fernando Ocampo, presidente e directivo da citada entidade; o escritor e humorista gráfico Siro López, cuxo pai foi acollido pola familia Díaz Corral nos tempos da ditadura; e Benigna Cores Díaz, “Nina”, neta dos homenaxeados.

Voceiros, edís da corporación local naronesa, e exalcaldes da cidade acudiron tamén á convocatoria, na que participaron familiares e amizades dos homenaxeados e representantes de Memoria Histórica Democrática, entre outros.

Ferreiro abriu o acto agradecendo a presencia de todos os asistentes e destacou que a homenaxe a Rudesindo e Benigna, moi preto da que foi a súa vivienda familiar, cuxos actuais propietarios tamén acudiron ao acto “é un recoñecemento ao seu labor e ao de tantas persoas que axudaron aos represaliados polo franquismo, perseguidos polo réxime e agochados para evitar unha morte que era segura”.

Rudesindo Díaz e Benigna Corral axudaron dende a súa vivienda do Couto a numerosas persoas, dándolles cobixo e alimentos. Benigna, a súa muller, morreu no ano 1939 pero Rudesindo e os seus fillos, Benigna, “Binucha”, -que recibiu a distinción de Muller do Ano de Narón en 2011- e Rudesindo Díaz Corral, “Sindito”, continuaron axudando aos perseguidos polo réxime.

Este último foi asesinado na súa casa polas forzas represivas en 1954. A rexedora local recordou o seu labor solidario e a súa valentía e incidiu en que a homenaxe de hoxe, tal e como consta na placa, tamén o é para aquelas persoas que “coma eles, serviron de axuda e protección a tanta xente represaliada pola defensa da liberdade, a legalidade e as ideas de progreso social”.

Ferreiro subliñou que estes feitos, por cruentos que foron, “non deben caer no esquecemento”, incidindo na importancia de recordar e homenaxear a todas aquelas persoas “que loitaron pola democracia da que hoxe desfrutamos todas e todos nós”.

A continuación tomaron a palabra os representantes da Asociación Memoria Histórica Democrática. Fernández Pita recordou á familia Díaz Corral e tamén a moitas outras que axudaron durante estes tempos tan duros que viviron mentres que Fernando Ocampo tamén destacou a “solidariedade e apoio” a todos cantos contribuíron a ter unha sociedade mellor, como a familia Leal, tamén do Couto, e a de Rudesindo Díaz, recordando aquelas embarcacións que levaron ao exilio francés a numerosas persoas.

Ocampo leu un texto do fillo de Juan Leal Tenreiro (un dos máis novos que marcho una época no Bou Ramón grazas a seu pai e a Rudesindo), Roberto Leal, actor teatral que non puido acudir, unhas estrofas dunha canción do asturiano Víctor Manuel, “Cómo voy a olvidarme”, sobre a memoria histórica e a procura e apertura das fosas comúns do franquismo.

Na súa intervención, Siro López, foi o primeiro en escribir unha carta a Binucha Díaz, publicada nun libro da Asociación Memoria Histórica Democrática e que se pode descargar nun código QR que figura na placa da homenaxe. Siro recordou que a idea do acto parte dunha petición súa hai varios anos para unha familia “que foron heroes morais que salvaron vidas alleas de xente que estaba en perigo de perdela”.

Os seus pais buscaron protección nos primeiros días do alzamento nunha casa dunha curmá de seu pai pero non había sitio e inmediatamente Rudesindo e Benigna cedéronlles unha casa en Cornido e os veciños axudaron, explicou. Tras un repaso por ese período temporal, tomou a palabra Nina Cores, que agradeceu á organización esta homenaxe e recordou os duros tempos que viviu a súa familia. Aludiu ao que ela recordaba e ao que lle contou súa nai cando visitaban a Rudesindo, “Sindito”, en Cornido, a onde viaxaban dende Ferrol, onde vivían.

Nina asegurou ter recordos “moi cariñosos de Sindito” pero tamén outros duros, do día no que o asasinaron. Seus pais foron ao cárcere 17 días, ela quedou cos avós, e lembra que o pai “entrou completamente co pelo negro no cárcere e ao saír non o coñecía, tíñao completamente canoso, e niña nai quedou cun tic nervioso”. “Recordo a Sindito cun amor moi grande, queríanos a todos e era moi bo”, subliñou, recordando que antonte, día 4, súa nai cumpriría 100 anos, para finalmente agradecer de novo esta homenaxe.

Ao remate das intervencións, e amenizando o acto a banda da Asociación Cultural Musical Sementeira, procedeuse a descubrir a placa e realizar unha ofrenda floral na que participaron os asistentes á convocatoria.

Lea también

A conferencia sobre saúde mental prevista para este sábado en Narón, adíase ó día 29

A conferencia da psicóloga Rita Touza, prevista inicialmente para este sábado 23, adíase ata o …