Concello de Narón e Asociación Memoria Histórica Democrática organizan unha homenaxe á familia Díaz Corral

O parque do Cadaval, en Freixeiro, acolle este sábado 6 unha homenaxe á familia de Rudesindo Díaz Beceiro e Benigna Corral Yáñez, un matrimonio asentado en Narón que nos tempos máis duros da ditadura franquista acolleu no seu fogar a veciñanza perseguida polo réxime.

O Concello de Narón organiza o acto, que dará comezo ás 12:00 horas e está aberto á asistencia da cidadanía, xunto coa Asociación Memoria Histórica Democrática e coa implicación de Siro López, cuxa familia foi unha das protexidas na época.

No transcurso da convocatoria, á que acudirán representantes da corporación local, da asociación Memoria Histórica Democrática e familiares e veciños da familia Díaz Corral, entre outros, descubrirase unha placa en lembranza e recoñecemento de Rudesindo e Beigna e tamén, de todas aquelas persoas que tamén acolleron aos perseguidos.

A familia Díaz Corral vivía no Camiño de Cornido, na parroquia naronesa do Couto, e entre os anos 1936 e 1954 axudou a numerosas persoas, que se salvaron dunha morte case segura grazas á súa xenerosidade, que debido aos sacrificios realizados incluso perdeu a súa vida.

Na bodega da súa casa construíu un agocho onde se resgardou temporalmente moita xente, en ocasións ata seis persoas, ás que lles daban cobixo e alimentos. Rudesindo e Benigna tiveron dous fillos, que tamén axudaron incluso cando os seus pais faleceron.

Dende o Concello e a Asociación Memoria Histórica Democrática convidan a todas as persoas interesadas a asistir a este acto de recoñecemento ao labor desta familia de Narón e de tantas outras que fixeron o propio nas súas casas.

Lea también

Música, maxia, xogos populares e degustación de callos e bolos preñados para celebrar o Día de Narón

  A Praza 23 de Novembro acollerá este sábado os actos do programa co que …