A sesión plenaria celebrada este mércores no concello de Narón aprobou inicialmente a ordenanza reguladora da prestación patrimonial de carácter público non tributario polo acceso e utilización do Centro de Interpretación dos muíños industriais de Xuvia. No documento contémplase tanto a visita ou entrada durante o horario preestablecido como a cesión da utilización dos espazos e instalacións sempre que sexan compatibles coa natureza do mesmo.
Establecéronse tarifas de acceso e visita cunha entrada xeral por persoa, sendo de balde o 23 de novembro, Día de Narón, e o 18 de maio, Día Internacional dos museos. Haberá redución nestas tarifas no caso de familias numerosas, maiores de 65 anos, titulares do carné xove e persoas con diversidade funcional e/ou dependentes, así como no caso das visitas pedagóxicas guiadas de grupos escolares.
En canto á cesión para utilización dos espazos do CIMIX para outros usos, a tarifa será por hora de utilización, habendo tamén exencións para menores de 6 anos e por motivos protocolarios.
A ordenanza publicarase no BOP e haberá un prazo de 30 días para que se poidan presentar as suxestións que se consideren oportunas. No pleno acordouse por unanimidade ampliar a delegación na Deputación da Coruña da competencia da xestión, inspección e recadación voluntaria e executiva do imposto sobre o incremento do valor dos terreos de natureza urbana ou do imposto municipal que o complemente ou substitúa no futuro.
A esto o BNG manifestou que «consideramos elevado os prezos que se poñen na ordenanza e que definirán os usos do muíños cando se elabore un regulamento.
No BNG de Narón reclamamos que se abra o muíño de Xuvia e que o concello deixe de pór escusas. Preocúpanos unha ordenanza que non contempla a gratuidade ou bonificacións para as persoas que vivimos en Narón no que vai ser o primeiro museo da nosa cidade. Ademais, consideramos elevado o custe que pretenden poñer en escolares nas súas visitas (5,50 €) e incidimos que o concello non pode falar de “usos” até que estea publicado o regulamento onde, desde o BNG, queremos incorrer para que as horas que dispoña o concello se distribúan democraticamente en entidades e asociacións que o precisen e non se dean a dedo como aconteceu até agora noutros espazos municipais. Ademais, queremos tamén que se regule para que se poidan oficiar vodas civís».
No apartado de mocións aprobouse a presentada polo PP para a ampliación de servizos para persoas xordas no Concello e outra de melloras de seguridade viaria e servizos na zona de Arriba de Freixeiro, onde xa se están acometendo algunhas das actuacións solicitadas na mesma como un parque biosaudable.
O BNG presentou unha moción a prol da recollida de propostas por parte da cidadanía para modificar o regulamento de Participación Cidadá para incluír no Plan Normativo de 2025 ese cambio e abrir un período de consulta pública previa de recollida de propostas para esa modificación que tamén saíu adiante. Así mesmo, aprobouse a presentada polo citado grupo sobre o Imposto sobre Construcións, Instalacións e Obras (ICIO), para incluír na ordenanza bonificacións do 50% da cota para rehabilitacións integrais de vivenda habitual en solos con servizos de saneamento e do 95% para aquelas ubicadas en solos sen ese servizo.
O PSOE presentou unha moción, que finalmente saíu adiante como declaración institucional, instando á Xunta a reparar con urxencia as deficiencias nas que se atopan as vivendas dos inquilinos e propietarios dos bloques de protección autonómica da rúa Grove, unhas 300 persoas, indican, que sufren “cascadas de auga cada vez que chove”, ocasionándoles problemas nas súas vivendas debido a que a construtora non arranxa o problema.
O grupo municipal presentou tamén outra moción, aprobada, reclamando a modificación puntual do PXOM do Concello para adaptalo ao proxecto da Deputación da Coruña para ampliar e mellorar a estrada do Feal, un vial de titularidade provincial. Neste punto dende Terra Galega incidiuse en que a tramitación para realizar esa modificación levaría segundo os técnicos 32,5 meses e denunciaron que o Concello xa realizou unha modificación similar no ano 2010 para que a Deputación mellorase a estrada de San Xiao e 14 anos despois continúa sen actuar.
A maiores, instaron aos socialistas a “decir a verdade ás veciñas e veciños”, explicando que “a Lei de Estradas de Galicia, no artigo 8/2013 establece un mecanismo que permite á Deputación presentar o proxecto á Xunta para que o levem ao Consello e en tres meses podería iniciar os traballos na estrada do Feal”.