San Sadurniño finaliza con música este sábado os actos con motivo do #8M

A Casa da Cultura de San Sadurniño acolle este sábado a partir das 18:00h a última cita organizada por Igualdade con motivo do 8 de marzo, Día Internacional da Muller. A música será protagonista dun evento aberto ao público no que participarán as escolas municipais de gaita, pandeireta e baile tradicional, ademais da Asociación Cultural Brío.

Desde o departamento explican que o repertorio musical e coreográfico estará composto “por pezas de onte e hoxe que poñen en valor o empoderamento feminino e a transmisión da nosa cultura a través das mulleres”.

A tarde abrirase co grupo de maior idade da AC Brío, a entidade ten desde nenas e nenos até adolescentes, cunha espectacular montaxe do tema Tola, das Fillas de Cassandra, no que levan traballando varias semanas e que, igual que outras pezas que se interpretarán despois, mostran precisamente ese empoderamento da muller ao que se refiren desde a concellaría de Igualdade.

A rapazada de Brío cederalle o escenario á escola municipal de gaita e percusión, como enlace coa agrupación de baile tradicional que, á súa vez, fará de ponte entre as gaitas e as pandeiretas botándolle pasodobres, muiñeiras e unha xota, a de Vilar, á que lle cambiaron a letra pola do “Que non mo neguen”, das Tanxugueiras.

E é que moito antes que Miley Cyrus fixese famoso o seu “Flowers” e Shakira reafirmase que as mulleres xa non choran, senón que facturan, as Tanxus xa asinaran esta peza de innegable mensaxe feminista: “Fago todo o que eu quero / E o que me sae de dentro / Fago todo o que eu quero / E o que me sae de dentro / Non preciso de ninguén / Que eu mesma xa me chego / Non preciso de ninguén / Que eu mesma xa me chego / Son muller forte e libre / Non hai ninguén que mo negue / E se alguén o intentara / Que mala febre o leve / Eu e máis vós compañeiras / Eu e máis vós camaradas / Cantamos e arruamos / Facemo-la foliada

Nesta letra resoan os ecos da sororidade do cancioneiro popular galego que, porén, tamén ten exemplos do contrario e, de feito, “en moitas coplas tradicionais afloran o machismo, a degradación e incluso a normalización dos abusos contra da muller”, apunta Oriana López, técnica municipal de Igualdade.

Neste sentido, as cantareiras da escola municipal ofrecerán unha breve introdución a esa realidade seguida dun repertorio que irá evolucionando desde os retrousos onde a igualdade nin está nin se espera, até aqueles que, efectivamente, teñen por bandeira o empoderamento feminino, como é o caso da Voz das amigas de Leilía ou o Que non mo neguen que cantan Olaia, Sabela e Aida.

As pandereteiras poranlle o ramo ao encontro musical do serán deste sábado, co que tamén rematarán as actividades desenvolvidas polo Concello durante todo este mes de marzo con motivo do Día Internacional da Muller.

Lea también

Ya está en marcha un nueva rondalla en Ferrol, «Nas ondas do Mar», tras la ruptura con el Club de Campo

Tras una leve la tempestad en el mundo rondallístico ferrolano al notificar el Club de …