O Pazo da Cultura acolleu a final das Olimpíadas Escolares de Educación Viaria de Narón, na que participou alumnado de oito centros de ensino.
O concelleiro de Seguridade Cidadá, José Oreona, saudou aos participantes á súa chegada ao Pazo, desexándolles moita sorte nesta etapa final, que complementa ás dúas celebradas con anterioridade nas aulas.
O alumnado do equipo Compañía Universión, do colexio de Piñeiros, alzouse co primeiro premio nunha final que estivo moi disputada, tal e como apuntaron o edil de Seguridade Cidadá e a concelleira de Ensino, Olga Ameneiro, que acudiron á convocatoria.
O presidente da Fundación de Autoescuelas de A Coruña, Pablo Pérez, estivo tamén presente na convocatoria. Os equipos As/os do Feal (colexio do Feal), Los Rayos (A Solaina), DXT Ayala (Ayala), Los Pochachos (Jorge Juan), Os xirasois (A Gándara), Corvos de Xuvia (Ponte de Xuvia), Compañía Universión (Piñeiros) e Los rotuladores permanentes (Virxe do Mar) competiron respostando a trinta preguntas do Kahoot.
O alumnado do colexio de Piñeiros recibiu como agasallo 25 entradas para que toda a clase poida ir ver un partido do Racing de Ferrol e unha visita ao Centro de Innovación e Servizos (CIS) de Ferrol.
O segundo posto das olimpíadas foi para Corvos de Xuvia, do colexio Ponte de Xuvia e o terceiro para Los Pochachos, do colexio Jorge Juan.
Os escolares destes dous centros recibirán entradas de cine para toda a clase e tamén realizarán unha visita ás instalacións do CIS en Ferrol.
No transcurso do acto presentouse oficialmente o Rap de Educación Viaria, unha canción que soará nas actividades que se leven a cabo dende este programa municipal, a cargo dos policías locais Pedro Caneiro e Sonia López.
Alumnos de quinto de Primaria do colexio Ponte de Xuvia subíronse ao escenario do Pazo para interpretar este tema, cunha duración duns tres minutos e con importantes mensaxes para condutores e peatóns.
O vindeiro 9 de maio o Pazo acollerá a final das Olimpíadas nacionais de educación viaria, nas que participará alumnado de Compañía Universión, do colexio de Piñeiros, que se alzou co primeiro premio. Así mesmo, disputarán esta fase estatal escolares procedentes de Viveiro, Madrid, Ávila e Navarra. O edil de Seguridade Cidadá, José Oreona, felicitou ao equipo gañador e tamén ao resto de participantes, así como aos autores do rap de Educación Viaria.
“É un orgullo contar con rapazas e rapaces coma vós, implicados nas aulas e fóra delas en materias tan importantes como a educación e a seguridade viaria”, recalcou o edil naronés, que tamén tivo palabras de agradecemento para o resto de colaboradores e o persoal dos centros de ensino pola súa implicación neste evento.