A edil de Igualdade, María Lorenzo, presidiu a concentración celebrada este xoves ante a porta principal do Concello de Narón en sinal de repulsa do asasinato dunha muller de 25 anos en Ribeira. O suceso tivo lugar este martes, nunha vivenda do lugar de Palmeira, onde o asasino –pai dun fillo da vítima- matou á que fora a súa parella. Á convocatoria asistiron tamén outros integrantes da corporación local naronesa e traballadoras e traballadores do Consistorio.
Dende o Concello amosouse a solidariedade coa familia e amizades da vítima e condenouse, cun minuto de silencio, este asasinato en particular e calquera acto de violencia machista en xeral, incidindo na importancia de continuar loitando pola erradicación desta lacra social.