A Fusquenlla inicia o cuarto curso de capacitación

O Centro de apoio ao medio rural A Fusquenlla, integrado na rede de espazos coworking da Deputación da Coruña, iniciou o pasado venres unha nova acción formativa para capacitar ás produtoras e produtores da comarca tanto no manexo do equipamento como nas técnicas de transformación e envasado alimentario.

Trátase do cuarto curso deste tipo que se ofrece nas instalacións, co obxectivo de seguir ampliando a base social dun proxecto co que se busca dinamizar a economía da zona apostando polos produtos de proximidade, da máxima calidade e con todas as garantías sanitarias. 

Neste primeiro curso de 2024 participan un total de 20 persoas, admitidas a partir do listado de agarda das solicitudes rexistradas até o momento a través do formulario da web afusquenlla.gal

A Fusquenlla ofrece ao longo do ano cursos de capacitación técnica obrigatoria para aquelas persoas que queiran utilizar o centro, que non está limitado unicamente á veciñanza dos sete  concellos promotores, recentemente uníronse Narón, As Pontes e Cedeira, senón que está aberto a calquera persoa interesada.  

Neste sentido, o formulario de inscrición recolle permanentemente solicitudes ás que se lles vai dando saída por orde de petición a medida que se van convocando accións formativas, cun cupo de entre 15 e 20 persoas. Na asignación das prazas teñen prioridade  aquelas persoas que contan con REAGA e que se dedican profesionalmente á produción e a comercialización, de cara a que poidan ampliar e diversificar a súa actividade. 

Trátase de cursos gratuitos de 28 horas de duración con contidos teóricos e prácticos que abordan principalmente a hixiene e manipulación de alimentos e as técnicas de conservación, ademais do manexo con seguridade de todo o equipamento co que contan as instalacións. 

O curso iniciado o pasado venres finalizará o 19 de abril e está distribuido en sete xornadas de catro horas de duración os venres e os sábados. A parte teórica da formación desenvólvese na Casa da Xuventude de San Sadurniño, mentres que os contidos prácticos impartiranse no propio centro de transformación, situado no recinto feiral de San Ramón.

O temario inclúe no seu primeiro módulo todo o referido a hixiene, prevención de contaminacións e intoxicacións, prácticas de manipulación, hixiene, control de pragas, técnicas de conservación, rexistros sanitarios, etiquetado, etc. Nos módulos 2, 3 e 4 veranse, respectivamente, a prevención de riscos laborais, o manexo e limpeza de maquinaria e o cálculo de custes de produción fixos, ademais da levanza de rexistros.

O último módulo estará máis centrado na práctica de elaboracións básicas de produtos hortofrutícolas. O curso rematará cun pequeno exame de avaliación dos coñecementos adquiridos.

Desde o proxecto A Fusquenlla, integrado por Cedeira, Cerdido, Moeche, Narón, As Pontes, San Sadurniño e Valdoviño,  insístese en que calquera persoa que desexe participar en próximas convocatorias debe inscribirse na lista de agarda a través deste formulario de Google Drive.

A seguinte acción formativa que se levará a cabo, aínda sen data, terá unha duración de cinco horas e dirixirase á capacitación básica de persoas acompañantes que lles vaian axudar ás produtoras e produtores principais que xa teñan superado o curso de 28 horas.

Unha vez que conclúa o curso iniciado o venres, serán xa 110 as persoas certificadas para traballar no centro de transformación, 70 como usuarias principais e 40 como axudantes.

Lea también

Adjudicado por 1,4 millones el suministro de equipos de mamografía para varios hospitales del Sergas

La licitación prevé el suministro de los equipos de mamografía del Hospital Arquitecto Marcide de …