A subdelegada do Goberno na Coruña, María Rivas, desprazouse ata o concello de Cedeira para presidir, xunto co alcalde Pablo Moreda, a constitución da Mesa de Coordinación Interinstitucional contra a Violencia de Xénero no municipio.
Alí destacou que Cedeira é “un concello comprometido que fai uso de todas as ferramentas que o Goberno pon a súa disposición para combater todas as violencias contra as mulleres” e con el son xa 41 os concellos da provincia da Coruña que xa traballan con Mesas de Coordinación Interinstitucional.
Para a subdelegada, a peza fundamental para conseguir unha sociedade igualitaria e unha cidadanía concienciada e sensibilizada en materia de violencia de xénero é a colaboración entre as administracións e institucións.
“Desde o Goberno temos o compromiso de traballar para protexer a todas as mulleres que sufriron e sofren este tipo de violencia, e para iso, as administracións e institucións temos que traballar da man, para previr e detectar casos de violencia e por suposto para combatelos” sinalou Rivas.
Lembrou que na provincia da Coruña existen actualmente 2.194 casos activos de violencia de xénero no sistema VioGén que contan con algún tipo de protección por parte das Forzas e Corpos de Seguridade. “Desde o Goberno imos continuar traballando para ofrecer ás vítimas e as súas familias todos os recursos dispoñibles e a mellor protección, xa que toda muller merece ser libre”.
María Rivas agradeceu a Pablo Moreda, así como aos alcaldes dos outros 40 concellos da provincia da Coruña que contan cunha Mesa de Coordinación Interinstitucional, a súa colaboración na loita contra a violencia de xénero. “Con esta constitución damos un paso máis a favor dunha sociedade máis xusta e igualitaria ao tempo que melloramos a coordinación para prestar un mellor servizo ás vítimas”.
Nesta mesma liña, a subdelegada animou a todos os concellos da provincia da Coruña que contan con Policía Local a adherirse ao Sistema VioGen, e lembrou que xa son 21 os concellos que forman parte deste sistema de protección de vítimas de violencia de xénero, e 3 se encontran en proceso de inclusión.
Sesión constitutiva
Nesta primeira sesión de constitución da mesa de Cedeira abordáronse cuestións como os obxectivos a seguir e as normas de funcionamento, entre outras. A función prioritaria deste órgano é ofrecer ferramentas para traballar na prevención, a detección precoz de casos de violencia machista e dar unha resposta áxil ás vítimas, así como para a súa protección.
“É unha ferramenta fundamental para combater a violencia machista e debemos de sacarlle o máximo proveito, desde as propostas, a análise, a implicación, a colaboración e o traballo”, sinalou Rivas.
A mesa de coordinación de Cedeira conta con representantes de todos os ámbitos implicados, tanto directa como indirectamente, na loita contra a violencia de xénero e a protección das vítimas. Así, a mesa está integrada por efectivos da Policía Local, da Garda Civil, dos servizos sociais municipais, centro de saúde e centros escolares.
A subdelegada aproveitou para agradecer a implicación das Forzas e Corpos de Seguridade cuxo labor “é un pilar fundamental na protección das vítimas e das súas familias e na loita contra a violencia de xénero”.
Desde 2018, o concello de Cedeira percibiu un total de 30.989,74 euros en materia do Pacto de Estado contra a Violencia de Xénero para o desenvolvemento de actividades para a prevención e sensibilización nesta materia, forma parte do sistema Viogén e tamén acolleu en 2022 a MAVI, a maleta viaxeira contra a violencia de xénero.