O Pazo da Cultura de Narón acolle este xoves 21, a final da quinta edición das Olimpíadas Escolares de Seguridade Viaria organizadas polo Concello.
O edil de Seguridade Cidadá, José Oreona, explicou que participan na convocatoria un total de 255 menores de quinto curso de Primaria, cuxos equipos estarán representados por seis menores por centro, que serán os que realicen a proba que dará comezo ás 10:00 horas.
Os centros Ponte de Xuvia, Jorge Juan, Ayala, Virxe do Mar, A Solaina, O Feal, A Gándara e Piñeiros estarán representados na convocatoria, que un ano máis conta coa colaboración da Confederación Nacional de Autoescuelas.
Os escolares realizaron xa dúas fases previas, unha teórica, na que abordaron cinco contidos (educación viaria, medio ambiente e contaminación, primeiros auxilios, matemáticas aplicadas ao programa de Educación viaria e inglés) e outra práctica consistente nunha xincana con bicicletas por un circuíto cunhas normas a cumprir que valorou un tribunal.
O citado xoves terá lugar a fase final, na que a través da plataforma Kahoot os escolares, divididos por centros, respostarán a un cuestionario de 30 preguntas tipo test con sobre as cinco materias extraídas do temario. O equipo que obteña unha maior puntuación entre as tres probas realizadas será o gañador e participará na final da Olimpíada nacional que por primeira vez se celebrará en Narón, concretamente o vindeiro 9 de maio, tal e como avanzou Oreona.
Neste certame a nivel nacional os escolares naroneses competirán con outros procedentes de Viveiro, Madrid, Ávila e Navarra. Ao remate do acto do xoves recibirán un agasallo os equipos dos tres colexios que se clasifiquen cunha maior puntuación.