O Concello de Narón ordeará a retirada de cinco vehículos que se atopan en situación de abandono

O edil de Seguridade Cidadá, José Oreona, informou que o Concello de Narón ordenará a retirada dun total de cinco vehículos que se atopan en situación de abandono en diferentes rúas do termo municipal, en catro casos, ou nas instalacións do depósito municipal de vehículos do Concello, un dos casos.

Oreona explicou que se lles realizaron previamente os requerimentos oportunos aos propietarios para que procedesen á súa retirada, pero que ante a falta de resposta se continuará coa tramitación correspondente a este tipo de casos.

Esa tramitación, indicou, implica a publicación no Boletín Oficial do Estado, xa realizada, do anuncio da notificación do procedemento, no que consta que tras realizar notificacións por correo certificado aos propietarios dos vehículos, rexeitadas ou ausentes do domicilio, e presumindo o seu abandono, se insta aos donos a que no prazo dun mes procedan á retirada do lugar no que figuran abandoados previo pago da taxa establecida na ordenanza municipal.

Na estrada Armando Cotarelo permanece estacionado un Ford Mondeo; na rúa Neda un Mitsubishi Outlander; na estrada de Castela un Ford Fiesta, na rúa Torrente Ballester un Volkswagen Polo e no depósito municipal de vehículos un Toyota Auris. Os expedientes en tramitación iniciáronse o pasado ano, entre os meses de abril e agosto.

No caso de que non se retiren da actual ubicación, os turismos enviaranse a un Centro Autorizado de Tratamento (CAT).

Lea también

Axenda en Narón do 22 ao 23 de novembro

Venres 22 de novembro de 2024 Actividade: Obradoiro de defensa persoal para as mulleres Hora: …