A concellaría de Urbanismo de Ares informou das obras na rúa Fomento, a intervención que mellorará os servizos e os pavimentos, inscrita no marco do Plan Único da Deputación da Coruña.
Segundo o proxecto técnico, os traballos renovarán a rede de saneamento, pluviais e abastecemento de auga, levándose a cabo tamén obras civís no alumeado, na electricidade e nas telecomunicacións.
A maiores dos servizos, tamén se cubrirá a rúa cunha capa de rodadura de formigón, eliminando as irregularidades do firme existente; instalarase un pavimento de loseta hidráulica similar á actual e realizarase a sinalización horizontal en todo o ámbito de actuación.
Mobilizarase un orzamento de 155.139,93 euros e prevese que estará executada antes da entrada do verán.
Estes traballos que veñen de iniciarse agora, coma expoñen dende a área de Urbanismo municipal, están estreitamente vencellados coa planificación do Concello para a renovación e humanización das rúas do centro urbano de Ares, o que implica en si mesmo continuar efectuando pasos no progreso das infraestruturas públicas da vila, como xa se materializou, por exemplo, nas rúas San Xosé, María, Alfolíes ou Cisne.