O BNG de Ferrol acompañado das entidades locais Ferrolterra Antiga e a Sociedade Cultural Medulio presentaron este mércores 13 unha moción para poñer en valor a figura de Benito Vicetto que o Concello de Ferrol o nomee fillo predilecto da cidade
Iván Rivas, portavoz municipal do BNG, sinalou que «a cidade de Ferrol ten a necesidade de recuperar o orgullo por todo aquelo que foi, do que é e do traballo que se ten feito para construir unha cidade e un país e nisto Benitto vicetto é unha personaxe referencial». «Aproveitando que este ano cúmprense o 200 aniversario do seu nacemento queremos poñer en valor a obra e a figura de benito Vicetto, unha personaxe que noutro lugar sería unha personaxe recoñecida porque Vicetto é unha persoa que fixo da dua vida e da súa obra un proxecto colectivo, redactou a primeira historia de Galicia desde unha perspectiva enciclopédica co obxecto de poñer en valor a existencia do noso pais desde unha perspectiva propia»
«Hai que lembrar que o seu inxente traballo intelectual foi merecedor do recoñecemento dos seus veciños no pasado que o homenaxearon no ano 1900 mudando o nome da rúa do cárcere, onde nacera, polo de Benito Vicetto, nome que aínda conserva, pero foi ficando no ostracismo durante as últimas décadas deixando nun estado de total abandono os vestixios da súa presenza na cidade como acontece co busto do autor nos xardíns do parque municipal Raíña Sofía»
«Tendo en conta a efeméride que supón a conmemoración dos douscentos anos do seu nacemento o concello de Ferrol debe comprometerse coa rehabilitación da figura e obra dun dos autores máis determinantes do século XIX no noso país».
«É por iso que a iniciativa que será debatida no pleno municipal, ademais de declarar a Benito Vicetto como fillo predilecto da cidade de Ferrol, propón a restauración do seu busto no parque municipal, a colocación dunha nova placa, en substitución da actual, na Rúa Benito Vicetto, en Ferrol Vello, adaptada á legalidade vixente e acompañada dunha pequena información sobre a súa persoa e obra, a realización dunha exposición na biblioteca municipal cos fondos bibliográficos do autor, á revisión do estado da súa tumba no cemiterio de Catabois e a realización dunha ofrenda floral, coincidindo coa data do seu nacemento».