Turismo da Deputación colabora coa Confraría de Barallobre na promoción da súa vieira

A confraría de pescadores de Barallobre acolleu a visita do vicepresidente e deputado de turismo, Xosé Regueira, e a deputada de plans provinciais, Cristina García Rey, que acudiron á localidade fenesa para coñecer un dos seus produtos máis relevantes: a vieira, acompañados do patrón maior e o secretario, con quen, ademais, analizaron as posibles vías de colaboración para a apertura de canles de comercialización dos seus produtos nunha xuntanza na que tamén participaron os concelleiros de Fene Sandra Permiu e Mon Fernández

A confraría de Barallobre é a única de Galicia que comercializa e distribúe vieira plana e, dende a Deputación da Coruña, brindaron o seu apoio para poñer en valor este produto único, a través do soporte “A provincia que sabe”.

“Este produto de alta calidade cumpre con todos os requisitos para incluílo no noso selo de excelencia turística e gastronómica” apuntou Regueira, “por iso, ofrecémolo como canle de penetración nun mercado gourmet e na restauración de alto nivel”.

Dende a confraría, aplaudiron a proposta e confirmaron a súa futura participación en diferentes feiras e eventos turísticos e gastronómicos aos que asiste a entidade provincial para exhibir “A provincia que sabe”, tanto para dar a coñecer os seus produtos, como para introducilos dentro dos showcookings que se desenvolven, ao tratarse de “elementos de alto valor para a gastronomía e a restauración da provincia”.

Ademais, valoráronse outras fórmulas de cooperación para apoiar as festas de exaltación do produto, “iniciativas que ademais de promocionar os produtos locais dun territorio, supoñen un importante atractivo turístico”.

Lea también

O Novembro, mes do humor continúa co espectáculo Eran elas de Avelino González

O Museo do Humor Xaquín Marín de Fene acolle este venres 22 de novembro, a …