A Deputación homenaxea ás “Mulleres do pasado, semente de futuro” na súa campaña institucional do 8M

“Mulleres do pasado, semente de futuro”: ese é o nome da campaña institucional do 8M que pon en marcha a área de igualdade da Deputación da Coruña, que presentou este luns 4 a deputada Soledad Agra. O obxectivo é rendir homenaxe ás mulleres que, dende o anonimato, loitaron por cambiar o mundo, buscando un mellor futuro para as devanceiras xeracións, e que forman parte da historia cotiá das familias do país.

“As que loitaron por acadar os dereitos dos que hoxe desfrutamos, que non se consiguen facilmente, senon que son o froito do traballo colectivo e da coraxe de moitas mulleres que, dende a adversidade, acadaron fitos que hoxe consideramos tan fundamentais como poder usar pantalóns” sinalou a deputada. “Queremos visibilizar as dificultades e os logros das nosas antecesoras, nunha campaña que se enmarca na prioridade deste departamento, que é a de contribuir a acadar a igualdade real en todos os espazos da vida”.

Programación 8M

En liña co propósito da campaña, plantéxase unha reflexión conxunta entre a xeración homenaxeada e a mocidade actual. Así, levarase a cabo unha dinámica interxeracional que consiste en que o alumnado de diferentes centros educativos da provicia entreviste as súas avoas ou mulleres maiores de 70, nunha actividade que lles brindará a oportunidade de interactuar aprendendo das súas historias, experiencias e sabedoría. Estes vídeos difundiranse a través de diferentes canais da Deputación.

Ademais, o propio 8 de marzo ás 11h haberá un acto institucional no hall da Deputación da Coruña, que contará coa lectura dun manifesto e a actuación musical de Guadi Galego, que coa súa canción “Matriarcas” pon voz á historia desas “aleitadoras, conquistadoras, brillantes activistas da vida cotiá” ás que fai referencia a entidade provincial.

Esta campaña terá continuidade durante todo o mes de marzo. Difundirase material informativo entre os centros educativos da provincia, cunha cronoloxía sobre fitos históricos acadados grazas á loita das mulleres e, o vindeiro día 21 celebrarase un encontro no IES Rosalía Mera con algunhas das avoas que participaron nos vídeos do alumnado. Alí, visualizaranse as pezas máis votadas e homenaxearase a esas mulleres que cos seus esforzos sementaron o noso futuro.

Subvencións para o investimento en políticas de xénero

Coincidindo coa presentación da campaña institucional do 8M, o Boletín Oficial da Provincia vén de publicar a concesión definitiva de subvencións a entidades sen fins de lucro para o investimento en políticas de xénero no ano 2024, correspondentes ao programa FOIO0B. A Deputación repartirá un total de 20.973 euros entre nove beneficiarios: Asociación pola Liberdade Afectiva e Sexual da Coruña; ANPA Berbiriana do CEIP Zalaeta da Coruña; Arabías S. Coop. Galega; Asociación de Acción Social, Educación Permanente y de Servicios a la Juventud y la Mujer TEMPUS; Asociación Mulleres Rurais de Galicia; ANPA A Xuntanza do CEIP de Arcediago; Asociación Visibles; Asociación Xanela e a Rede Educativa de Apoio LGBTIQ+ de Galicia.

Lea también

Afundación celebra el Día de la Música con conciertos sincrónicos

Afundación, la Obra Social de ABANCA, celebra el Día de la Música, día de Santa …