A alcaldesa de Narón asiste ós traballos de localización dunha foxa no cemiterio do Val

A alcaldesa da cidade, Marián Ferreiro, desprazouse este luns á parroquia do Val, concretamente ó cemiterio, con motivo dos traballos de localización previos a unha posible exhumación prevista nunha foxa común, unha das de maiores dimensións de Galicia, despois da de Serantes (Ferrol), segundo algúns estudos.

Estiveron tamén presentes os concelleiros Ibán Santalla e Mar Gómez, que conversaron co equipo que realiza e coordina estes labores. Nesta foxa común poderían estar 51 persoas asasinadas trala sublevación militar de 1936.

Concretamente no cemiterio do Val, o 30 de novembro dese mesmo ano foron fusilados dez tripulantes do vapor “Dómine”; o 26 de decembro 32 membros da dotación do acorazado “España” e dous do “Contramestre Casado” e noutras datas outras sete persoas.

Veciños de San Mateo, Castro, Pontedeume, Cedeira, Fene, Mugardos, Neda e Ferrol pero tamén naturais de Santiago, Ourense, Asturias, Barcelona, Santander, Palencia… Mariñeiros maioritariamente, labradores, militantes de partidos políticos… que perderon a súa vida como milleiros de vítimas da represión da Guerra Civil e da ditadura franquista.

O antropólogo forense do Imelga presente nos traballos confirmou que segundo as primeiras labores realizadas, os achádegos deste luns se corresponden con corpos de mulleres, non de homes, e non presentan síntomas de violencia, disparos…,  á falta de rematar o labor previsto, que continuará durante esta xornada e en días posteriores.

O equipo continuará traballando na zona para avanzar nesta intervención, que presenciaron tamén algúns veciños da zona, historiadores e familiares das vítimas.

“A existencia de fosas comúns é unha triste realidade e as vítimas merecen, como mínimo, unha sepultura digna, un respecto despois duns feitos que nunca deberían ter acontecido”, apuntou Ferreiro, que conversou co persoal que realiza os traballos e destacou a importancia de que se leven a cabo tamén polas familias das vítimas.

Antes de abandonar a zona a alcaldesa ofreceu ao equipo que realiza os traballos e aos impulsores dos mesmos todo o apoio e colaboración do Concello de Narón. A Universidade de Santiago e a Asociación Cultural Memoria Histórica Democrática impulsaron a intervención xunto coa Secretaria de Estado de Memoria Democrática, a Xunta de Galicia, o Instituto de Medicina Legal de Galicia (Imelga) e o antropólogo forense Fernando Serrulla, a través da equipa “Histagra”.

Lea también

La academia de Baile All Dance Studio actúa este sábado 31 en Narón

El Centro Comercial Odeón acoge este sábado por la tarde la exhibición de la escuela …