A Deputación abre o prazo de solicitudes das bolsas para deportistas de alto nivel

A Deputación da Coruña abre o prazo de solicitudes das bolsas para deportistas de alto nivel da provincia durante o ano 2024.

Foto Diputación da Coruña. Futbol Alevín DEPOR

As persoas interesadas en solicitar estas axudas poden facelo ata as 14.00 horas do día 15 de marzo de 2024 a través da plataforma SUBTEL da Deputación.

“O obxectivo das bolsas é apoiar a práctica e o rendemento deportivo, tanto en relación ao perfeccionamento técnico, como posibilitar a participación dos e das deportistas da provincia en eventos de alto nivel”, explicou o deputado de Deportes, Antonio Leira, que lembrou que a convocatoria deste ano prevé a concesión de 50 bolsas individuais de 3.500 euros cada unha, ascendendo o orzamento total do programa a 175.000 euros.

Leira destacou que o goberno de Valentín González Formoso incrementou tanto o número como a contía das bolsas: “pasamos de 30 bolsas de 2.500 euros a 45 bolsas de 3.500 euros nos últimos anos”, afirmou o deputado, que considerou que este apoio “evidencia o compromiso da Deputación cos nosos e as nosas deportistas e a nosa aposta para axudarlles a situar o deporte coruñés á vangarda do deporte galego”.

O deputado de Deportes sinalou tamén que a maior parte dos e das deportistas da provincia con máis proxección e mellor palmarés nas súas disciplinas deportivas como a atleta ribeirense Ana Peleteiro, o piragüista betanceiro Carlos Arévalo,  o arqueiro pontés Miguel Alvariño,  o nadador coruñés Jacobo Garrido Brun ou o noiés Caetano Horta teñen sido ou son bolseiros da Deputación.

Presentación de solicitudes

Cada unha das axudas será de 3.500 euros, e poderán optar a elas aqueles deportistas federados e residentes na provincia da Coruña que practiquen algún deporte incluído no programa oficial dos Xogos Olímpicos ou Paralímpicos de París de carácter individual.

Os deportistas poderán solicitar unha única bolsa por unha modalidade deportiva e deberán acreditar a residencia nalgún dos concellos da provincia da Coruña, cunha antigüidade ininterrompida de dous anos.

A convocatoria esixe tamén dispor da licenza deportiva vixente na data de publicación das bases no BOP e acreditar un nivel deportivo na modalidade practicada.

As bolsas divídense en catro categorías en función das idades dos solicitantes:

Grupo A: 19 bolsas para persoas de entre 12 e 17 anos.

Grupo B: 14 bolsas para persoas de entre 18 e 23 anos.

Grupo C: 14 bolsas para persoas de entre 24 e 32 anos.

Grupo D: 3 bolsas para deportistas paraolímpicos de 33 anos ou máis.

Acceso ás bases da convocatoria no BOP: https://bop.dicoruna.es/bopportal/publicado/2024/02/15/2024_0000001045.html

Lea también

La judoca June Moreno campeona del sector oeste del Cto de España Absoluto

El domingo 17 se disputó en La Coruña el Trofeo Teresa Herrera “Sector Oeste del …