José Fonte Sardiña
En pleno corazón das Fragas do Eume, na súa marxe dereita, contra o ano 890, un grupo de eremitas elixiron como enclave para levar unha vida retirada do mundanal ruído e en contacto coa natureza para atopar a Deus a través da máxima beneditina do ora et labora o lugar que hoxe ocupa, no actual concello da Capela, o mosteiro de San Xoán de Caaveiro. O número máximo de relixiosos que acolleu foi de nove frades. Xa que logo, san Rosendo, que nacera dezasete anos despois ―o 26 de novembro de 907― de que os primeiros frades se asentasen alí ―morreu o 1 de marzo, data na que a Igrexa celebra a súa festividade, de 977―, non puido fundar propiamente Caaveiro, como moitos lle atribúen. Así e todo, tivo unha influencia importante, polas súas visitas e a doazón que lle fixo no ano 936, sendo xa bispo dumiense e abade do mosteiro de San Martiño de Mondoñedo, na supervivencia do cenobio (Foto de Ángel Cendón do mosteiro de San Xoán de Caaveiro no corazón das Fragas do Eume).
Cunha boa dose de esaxeración, López Carballeira, un dos seus mellores biógrafos, pensa que “a Caaveiro lle debe san Rosendo todo canto é. Non só estivo alí, consonte afirman, como dato de mera curiosidade e erudición, todos os seus biógrafos e cronistas: alí foi onde se modelou o seu admirable carácter; alí se formou o grande home; alí lle foron impresos os trazos todos da súa fisionomía interna; alí o seu temperamento, apto e disposto por natureza, quedou modelado plenamente e a súa xigante personalidade marcada para sempre” (Tomado e traducido de Antonio López Carballeira: “San Rosendo (Siglo X)”, Santiago de Compostela, 1909, p. 20) (Mosteiro de San Xoán de
Caaveiro).
Rosendo naceu na cidade portuguesa de Santo Tirso, despois dun parto sen dor que a lenda lle atribúe á intervención divina. Foi o premio a unha longa espera dos ansiosos proxenitores, logo de moito tempo de matrimonio infrutuoso. Con cinco ou seis anos, os seus pais encoméndanlle a súa formación relixiosa e intelectual ao seu tío Sabarico, bispo da diocese mindoniense (907-925) e abade do mosteiro de San Martiño de Mondoñedo, que se converte no seu titor e máximo valedor. Cando morre Sabarico, Rosendo é elixido polos frades, con só dezaoito anos, abade do mosteiro de San Martiño de Mondoñedo e nomeado bispo dumiense (925-950 e 955-958), malia que as normas da Igrexa requirían para esta misión ter cumpridos os trinta (Foto de Fernando Pascullo da fachada da catedral de Mondoñedo presidida pola imaxe de san Rosendo como bispo dumiense).
Así e todo, esta vida non o facía feliz, xa que a súa verdadeira vocación era pasar longas tempadas retirado nos mosteiros, na procura da paz por medio da oración. É seguro que Caaveiro foi un convento onde se recollía acotío. O Arquivo do Reino de Galicia garda un documento co informe da visita realizada ao cenobio en 1682 polo prior José de Vergara no que se cita un inventario das reliquias atribuídas ao santo conservadas en San Xoán de Caaveiro; entre elas estaban “el alva de nuestro R. S. Rosendo. Un pedazo de casulla. Una estola. Unos corporales del mismo Sto. Un caliz y patena. Un mondadientes. Una caja pequeña con algunas reliquias. Un lignum crucis embotado en una cruz sobredorada. Un manípulo del santo”. O cáliz e a patena gárdanse hoxe na capela das Reliquias da catedral de Santiago, e a alba, nun fermoso armario relicario da ermida da Nosa Señora das Neves, na Capela (Fragas do Eume).
Durante unha das súas estadías neste cenobio de San Xoán de Caaveiro, unha tarde soleada, Rosendo foi camiñar e meditar no silencio da fraga pola beira do río Eume, que pasa fronte ao mosteiro. De socato, un nubeiro que se agochaba na espesura das milenarias árbores da fraga reparou nel e quixo tentalo, e unha gran treboada descargou a súa furia sobre o santo, que quedou mollado coma un pito (Río Eume).
Contrariado porque non esperaba que a tormenta o collese e incómodo pola molladura, queixouse amargamente a Deus polo que lle acontecera, pero axiña mostrou un fondo arrepentimento por estes pensamentos tan egoístas e, guindando o seu anel episcopal e abacial ao río Eume, pregoulle ao Señor que non llo devolvese ata que considerase que lle podía perdoar o seu pecado de soberbia (Lenzo de san Rosendo co seu anel, pintado por Gregorio Ferro Requeixo e conservado no mosteiro de Celanova).
Poucos días despois, un dos monxes de Caaveiro foi pescar ao río Eume e levou ao mosteiro dúas ducias de reos para que os comesen os seus compañeiros. Cando o irmán cociñeiro os estaba a limpar, comprobou que un deles traía no seu aparato dixestivo, algúns din que no bico, o anel que san Rosendo arrebolara ao río e que volveu colocar no seu dedo para alegría e asombro de todos (Río Eume).
Outra versión da lenda di que o que san Rosendo guindou ao río Eume non foi o anel senón a chave dun cilicio que se puxo para se mortificar. Só o quitou cando o reo pescado por un frade lle devolveu a chave e considerou que obtivera o perdón divino
(Río Eume).
Todos pensaron que este feito era un milagre. San Rosendo deulle grazas a Deus porque lle perdoara e considerou a recuperación do anel como un sinal divino, unha revelación pola que Deus lle pedía, alí en Caaveiro, que dedicase o seu patrimonio e o seu tempo a fundar o mosteiro de San Salvador de Celanova ―cousa que logra no ano 942―, do que era abade á súa morte en 977 (Foto de Luis Miguel Bugallo Sánchez da imaxe de san Rosendo como abade no mosteiro de Celanova).
O cóengo López Carballeira sinala que “conta a crónica que unha noite estaba en Caaveiro orando con máis intensidade que decote, mentres o mundo se entregaba ao sono e xacía en silencio. De socato, no seu redor, a noite virouse en día. Parecéralle que nun intre se esclarecera algo que longo tempo, agochado nunha densa escuridade, só algún que outro perfil descubrira, moi borroso e indeciso; pero ese algo tan extraordinario era a súa obra, a súa misión, o monstro colosal que levaba, había moito, dentro del, como feto, pero que un día tería que saír á luz, triunfando en toda a súa magnificencia, para gloria da súa patria e admiración do mundo. Reveláraselle a fundación do gran mosteiro de Celanova, que tería que levar a cabo no lugar de Vilar, preto de Limia e non lonxe de Ourense, como monumento de homenaxe ao Salvador […]. Grande foi co tempo Celanova […]. Máis grande é Caaveiro, entre cuxa fragosa espesura agromou, como muxica de luz sobrehumana, a idea nai e o pulo xerador” (Idem, p. 100-102) (Urna de san Rosendo no altar maior da igrexa do mosteiro de San Salvador de Celanova).
Os restos de san Rosendo descansan nunha urna de prata aloxada no altar maior da igrexa do mosteiro de San Salvador de Celanova e realizada en 1601 por Juan de Nápoles. O autor esculpiu en prata varios episodios milagrosos da vida do santo cunha pequena lenda en lingua latina que explica a escena. As representacións seguen unha orde diacrónica: a primeira recolle a aparición do arcanxo san Miguel ante a súa nai Ilduara na que lle anunciaba que pariría un fillo san nun parto sen dor; a segunda, o traslado polos anxos da pía bautismal, na que recibiu o primeiro sacramento, ata a igrexa de San Miguel do Couto; a terceira, o involuntario retraso de san Rosendo en acudir á misa celebrada no mosteiro e como escoita axeonllado a posterior eucaristía que os anxos fixeron para el; e a cuarta, a resurrección dos albaneis, caídos do tellado pola acción do Demo, que o difamaran dicindo que mantiña relación carnal coa súa curmá a abadesa Senhorinha.