O Concello de Valdoviño avanzaba este venres 1 a programación «Somos e Contamos» deseñada polos departamentos de Cultura e Servizos Sociais con motivo da celebración do Día da Muller.
Unha programación con teatro, cine documental, exposición, música e obradoiros de sensibilización onde se falará de temas como a saúde sexual, a educación ou a trata de mulleres.
Así, a programación arrancará xa o mércores 6 de marzo co primeiro dos dous obradoiros de saúde sexual para mulleres adultas “Encantada de coñecerme” (o segundo será o 13 de marzo). Con participación gratuíta e inscrición previa nos Servizos Sociais, terán lugar na casa consistorial de 10 a 13 horas, guiados pola Federación de Planificación Familiar SEDRA.
O venres 8 de Marzo, publicarase o manifesto institucional no portal web do Concello e iluminarase de cor rosa a fachada da casa consistorial. Ademais, como acción central, o auditorio da casa da cultura acollerá ás 20:30 h a obra “As Alumnas”, baseada no texto teatral da escritora Paula Carballeira, Premio Nacional de Literatura Dramática 2023.
Unha obra interpretada por Anabel Gago e Mónica Caamaño baixo a dirección de Fina Calleja. Está dirixida a un público adulto, e a entrada é libre ata completa aforo. Aborda a figura da pedagoga galega María Barbeito e como o franquismo significou un enorme retroceso na educación do Estado, especialmente para as mulleres. Ademais de formar parte da programación, esta función será a primeira do novo ciclo de teatro “Ven o venres” que presentará nos próximos días o departamento de Cultura.
A programación continuará o 18 de marzo na casa da cultura, coa inauguración da exposición “Chicas Nuevas 24 horas”. Unha mostra que aborda a trata de nenas e mulleres con fins de explotación sexual realizada a partir do documental homónimo dirixido por Mabel Lozano.
Poderá visitarse ata o 27 de marzo de luns a venres de 11 a 13 e de 17 a 19 horas. Sobre esta exposición versarán tamén as seguintes accións, os días 19 e 20. Así, o Concello convidará ao alumnado da ESO do CPI Atios a achegarse á mostra e participar en sesións de carácter social e didáctico para a prevención e concienciación sobre o negocio da prostitución.
O venres 22 de marzo, ás 20:30 h, e pensando nun público maior de 14 anos, a casa da cultura acollerá a proxección do documental que inspirou a exposición.
E finalmente, o 27 de marzo, coincidindo coa clausura da mostra, o dúo local integrado por Lorena Hermida e Jorge Casas ofrecerán un recital ás 19 h na casa da cultura co que tamén se inaugura o ciclo de concertos “Músicas aliadas”.
O Concello contou co apoio da Deputación da Coruña, da Xunta de Galicia e do Ministerio de Igualdade na elaboración da programación de actividades que se celebrarán ao longo das próximas semanas.