Na sesión plenaria de finais de mes, celebrada o xoves 29 de febreiro, saíu adiante a proposta de aprobación inicial do regulamento de réxime interior das escolas infantís municipais.
Á vista das modificacións introducidas pola Xunta de Galicia nestes centros é preciso adaptar o actual regulamento municipal do servizo, onde quedan recollidas as novas circunstancias socioeconómicas, laboráis e familiares que redunden nunha mellora da conciliación da vida familiar e laboral, tal e como consta no documento.
En materia de normativa municipal tamén se aprobou de xeito inicial a modificación da ordenanza que regula os prezos públicos polos servizos prestados nos centros comunitarios integrados das Vivendas da Marina, e Manuela Pérez Sequeiros.
O documento permanecerá exposto ao público no taboleiro de anuncios do Concello e no Boletín Oficial da Provincia da Coruña durante 30 días, nos que se poderán presentar alegación sao mesmo. No caso de non presentarse a modificación quedará aprobada de xeito definitivo.
Na sesión plenaria saíu adiante así mesmo conferir á alcaldesa, Marián Ferreiro, a representación do Concello na vindeira Xunta xeral de accionistas de Cosma para nomear a un novo xerente da mercantil, así como para asinar a documentación relativa a ese acordo.
A corporación local acordou por unanimidade o nomeamento da Muller do Ano de Narón, unha persoa que recibirá unha homenaxe institucional o 8 demarzo, día no que se desvelará o seu nome, e outra de carácter público o 15 de marzo, na tradicional Cea das Mulleres.
En materia de saneamento, no pleno desta tarde aprobouse rexeitar as liquidacións remitidas polo Concello de Ferrol do período de xaneiro a decembro de 2022 e do primeiro semestre do pasado ano e requerirlle que revise de oficio a legalidade das memas.
Dende o Consistorio naronés solicítase que se emitan os informes técnicos pertinentes por parte dos funcionarios competentes dos motivos de oposición ás mesmas e tamén se reclama a Ferrol que facilite a Narón a documentación non entregada tras varios requerimentos sobre os acordos plenarios acadados o 27 de outubro de 2022.
A corporación local levou ao pleno unha declaración institucional sobre o CAMF de Ferrol, instando ao Goberno central a dotalo de persoal, asignar unha partida para a reparación e mantemento do centro, retomar as actividades ocupacionais de ocio e tempo libre e cubrir o posto de dirección e os adxuntos á mesma.
No apartado de mocións aprobouse a presentada por Terra Galega, BNG e PSOE sobre o 8M, Día Internacional da Muller, manifestando o compromiso do Concello na defensa e fomento da igualdade entre homes e mulleres, apoiando as convocatorias feministas do 8M e desenvolvendo o III Plan de Igualdade.
Así mesmo, os tres grupos instan á Xunta a crear o Instituto Galego das Mulleres e aumentar os recursos destinados á conciliación e ao Goberno central a facer efectiva a igualdade laboral e salarial. Neste punto a alcaldesa, Marián Ferreiro, lamentou o feito de que este punto non puidese saír como unha declaración institucional debido á falta de respaldo dos edís do PP ao documento.
O PSOE presentou tamén unha moción, para solicitar que se establezan as medidas necesarias para poder pagar os impostos municipais a través da canle de pago Bizum, que se aprobou por unanimidade. O voceiro de TEGA, Román Romero, avanzou que a nova web municipal, que se está ultimando, xa contempla unha oficina virtual tributaria que permitirá realizar eses pagos.