Tres empresas entre os novos “colaboradores habituais” do CRS de Narón

A concelleira de Benestar Social, María Lorenzo, desprazouse nos últimos días a tres establecementos da cidade que ofrecen a súa colaboración ao Centro de Recursos Solidarios CRS a través dos servizos que prestan á cidadanía.

A edil naronesa agradeceu a implicación dos responsables dos mesmos, que pasarán a ser colaboradores habituais do CRS, tal e como figura no distintivo que se lles entregou a cada un deles. Na visita ás instalacións Lorenzo estivo acompañada por representantes do Centro de Recursos Solidarios, que tamén agradeceron as colaboracións ofrecidas.

As tres empresas que xa ofrecen os seus servizos, de balde, ao CRS son a Colada Max, a imprenta Santa Rita e KFC, en canto á lavandeiría, papelería e alimentación, respectivamente. “Dende o Concello queremos agradecer a desinteresada axuda que estas empresas están prestando ao Centro de Recursos Solidarios, como unha opción máis que os responsables do mesmo ofrecen de cara a manter o labor que desenvolven habitualmente”, apuntou a concelleira.

Dende o Centro de Recursos Solidarios, un dos seus directivos, José Manuel González, convidou a outras empresas que o consideren oportuno e que aínda non o fagan, a colaborar co centro, onde requiren por exemplo axudas para carburantes, en tarefas de xestoría ou mesmo de voluntariado, tal e como apuntou.

As persoas que o desexen poden contactar co CRS, ubicado no número 115 da avenida do Mar, na Gándara, a través do correo electrónico: crsnaron.direccion@gmail.com e tamén dos números de teléfono 881 308 349 e 634 555 663.

Lea también

Narón asina a adhesión ao sistema VioGen, para a protección das vítimas de violencia de xénero e doméstica

A alcaldesa da cidade, Marián Ferreiro, presidiu este venres 26 a Xunta Local de Seguridade …