O Concello de Ferrol celebrou este venres 23 o acto conmemorativo do nacemento de Rosalía de Castro presidido pola concelleira de Educación, Patricia Cons.
Durante o mesmo, procedeuse á lectura de fragmentos da obra desta escritora que representa unha das figuras máis importantes da literatura en lingua galega por parte de alumnos do IES Carvalho Calero, Nora Blanco Mosquera, Sara López Vázquez, Alejandro Rouco Romero e Clara Grela Lorenzo, e de membros da corporación presentes no acto. Fixeron o propio representantes de diversas entidades sociais, culturais e veciñais.
A edil de Educación lembrou que este acto ten como obxecto enxalzar a figura e obra da escritora, que “reflicte unha fonda sensibilidade e un importante compoñente de compromiso social”. “É fundamental resaltar a súa contribución á literatura e o seu papel como muller, desafiando as conviccións do seu tempo, para deixar unha pegada imborrable na historia e na cultura galega”, engadiu.
Así mesmo, Patricia Cons agradeceu a colaboración do alumnado do IES Carvalho Calero, así como ás diferentes entidades e invitados presentes. O acto contou con acompañamento musical a cargo de Julia Dopico.
Posteriormente, ás 14:00 horas, realizouse unha ofrenda floral na estatua de Rosalía de Castro, ubicada na praza que leva o seu nome.