Os socialistas ferrolás reclaman ao goberno local que «retome as negociacións coa entidade social para poder facer unha permuta e, por tanto, se lles ceda outro local axeitados ás súas necesidades presentes».
O grupo municipal socialista considera que «o edificio que ata hai pouco tiña cedido o Concello a Cruz Roja, un espazo modernista singular obra do arquitecto Juan Galán y Carvajal e construido entre os anos 1908 e 1911, sexa adicado a unha sala do Modernismo ferrolán».
Como apuntaron os socialistas, «a priori semella que o máis axeitado sería que este espazo albergue esa Sala Permanente do Modernismo, posto que ese é o estilo arquitectómico do edificio, mais no caso de que non fora posible por cuestión de espazos ou pola súa distribución, dende o grupo que dirixe Ángel Mato proponse como alternativa que acolla a oficina de rehabilitación que na actualidade está en urbanismo, na rúa María, e a Inspección Técnica de Edificacións (ITE), no antigo hospicio».
Ademais, os socialistas piden que, «ao tempo que se decide o uso e se fai o proxecto pertinente, se leven a cabo os arranxos que precisa o inmoble, con problemas serios de humidades na maior parte das súas estancias».
Por outra banda, o GMS de Ferrol reclama ao goberno de Rey Varela que «retome as negociacións iniciadas no anterior mandato coa Cruz Roja co obxectivo de avaliar as diferentes opcións que ten o Concello de facer unha permuta, de modo que se lle ofreza outro inmoble máis axeitado ás necesidades presentes da entidade, hai que lembrar que deixaron o da rúa do Sol porque non daba resposta as súas demandas actuais, e, así, poder utilizar o que estaba sendo empregado ata hai pouco, que é de propiedade municipal».