As entradas están xa á venda na billeteira do Teatro Jofre e en Ataquilla desde 10 euros.
O domingo 25 de outubro ás 19:00 horas o teatro Jofre acolle un emocionante concerto de Zavala e Chicharrón, dúas das formacións máis relevantes e singulares da escena galega actual.
Unha oportunidade única para gozar en directo de dous proxectos que combinan identidade, risco artístico e unha linguaxe sonora propia, e que chegan a Ferrol para presentar os seus novos traballos discográficos.
Zavala é movemento constante, todo flúe da man de Carla Romalde, voz, Carlos Castro, programación, bases e visuais, e Víctor Ledo, guitarra e voz.
Naceu para facer unha música máis arraigada, máis tradicional, pero os primeiros temas xa evolucionaron cun forte acento electrónico e agora sintetízanse nunha mestura entre o orgánico e o electrónico.
Querían un topónimo físico, Texa, Dover, London, Boston… escolleron Zabala, pero por problemas legais tiveron que cambiar Zabala por Zavala, con V, que fai homenaxe a La Vacazul de Jairo Zavala, Depedro. Unha mestura de tradición, vangarda e modernidade, todo iso dende unha perspectiva feminina.
Zavala baséase na música galega cunha proposta innovadora, contemporánea e moderna que aposta polas novas texturas sonoras, con guitarras sintetizadas, samples, sintetizadores e bases electrónicas, pero que se mesturan de forma natural con guitarras acústicas, pianos, frauta ou acordeón.
O verdadeiramente destacable de Zavala é a canción, coidada de maneira particular, cunha letra que evoluciona a cada paso e cunha apertura ampla e musicalmente diferenciada, pero que conflúe nun todo que caracteriza o son persoal do proxecto, cunha amplísima produción propia. En Zavala destaca a voz de Carla Romalde, as melodías dos coros e a fusión do melódico e do orgánico.
En Zavala, cada canción é un micromundo que rara vez fala dun único tema; as letras adoitan transcorrer de maneira cinematográfica, con imaxes e escintileos sonoros. Hai temas máis íntimos, pero non deixan de lado a cuestión social, especialmente o feminismo, a igualdade e a defensa de quen menos ten.
En 2026 a banda ferrolá Zavala, pop electrónico evocador e intenso, presenta o seu novo disco, Lume, primeiro da triloxía Os Camiños a Vida, un traballo inspirado nos camiños vitais e literarios de Otero Pedrayo, onde a memoria, a paisaxe e a emoción se converten en canción.
Acompañan esta noite Chicharrón, que chegan tamén con novo álbum, Temporal, editado en vinilo por Ferror Records, reafirmando a súa personalidade única dentro da música galega contemporánea, un traballo que soa a grandes cambios.
Un traballo que abre unha nova etapa para unha das formacións máis persoais e emocionantes da música galega actual, sempre situada entre a canción íntima, a poesía, o pop de autor e a experimentación sonora. A súa música constrúe paisaxes emocionais nos que conviven a fraxilidade, a intensidade, a memoria e unha procura constante de luz mesmo nos territorios máis escuros.
Chicharrón naceu a finais de 2013 arredor de Alberto M. Vecino, ex Franc3s, xunto a músicos como Diego Gende e Rubén Domínguez. O nome da banda é tamén unha homenaxe a Alberto Gende, artista e amigo fundamental do grupo.
A partir de 2021, xa da man de Ferror Records, Chicharrón publica Unha Fogueira Intacta (2021), un dos seus traballos máis ambiciosos e envolventes, onde os sintetizadores, os saxos, os acordeóns e as gravacións de campo amplían o seu universo sonoro.
Pouco despois chega Erosión (2022), un disco nado da perda e da memoria, cun fondo profundamente catártico, no que a música aparece como consolo e como forma de resistencia. En 2023 publican O que nos queda por non dicir (2023), un álbum máis lo-fi, directo e luminoso, gravado en formato trío e concibido como unha reflexión arredor da felicidade, da inocencia e da necesidade de seguir facendo música despois dunha década de camiño.
Con Temporal (2026), Chicharrón continúa esa viaxe e confirma a súa capacidade para converter cada disco nun novo estado de ánimo, nun territorio emocional distinto e nunha forma sempre viva de canción galega contemporánea.
Dúas propostas intensas, enraizadas e abertas ao presente, que celebran a creación musical feita dende Galicia e en galego. Un encontro especial coa palabra, o son e o territorio nun marco incomparable.
Zavala e Chicharrón ofrecen unha oportunidade única para gozar en directo de dous proxectos que combinan identidade, risco artístico e unha linguaxe propia, onde presentan os seus novos traballos discográficos.
A duración aproximada deste concerto é de 120 minutos, e as entradas poden adquirirse nas billeteiras do Jofre, e na web de Ataquilla.
Galicia Ártabra Noticias de Ferrol y la comarca de Ferrolterra.