As Pontes aposta pola micoloxía co programa “Terra de cogomelos, primavera micolóxica”

Unha iniciativa que se desenvolverá ao longo dos meses de marzo e abril e que ten como obxectivo promover os diversos aproveitamentos dos fungos e cogomelos en todo o territorio galego.

O Concello das Pontes presentou este venres unha nova edición das xornadas micolóxicas “As Pontes, Terra de Cogomelos”; Elena López, concelleira de Promoción Económica das Pontes apuntou na presentación que “esta edición é especial e incluso experimental, xa que se desenvolve nos meses primaverais co fin de desestacionalizar aproveitamentos culturais, económicos ou turísticos dos cogomelos, que tradicionalmente están máis vinculados aos meses do outono”. Así mesmo adiantou que “xa está en deseño a edición das xornadas micolóxicas de outono, que serán anunciadas ao remate desta primeira edición primaveral”.

O programa das xornadas está composto por 15 actividades, todas elas de balde, pero con inscrición previa recomendable xa que hai límite de prazas, é inclúe unha series de obradoiros e faladoiros nos que diferentes especialistas no mundo da micoloxía achegarán ao público a temáticas diversas como a identificación de especies, hábitats ou usos culturais e sociais dos cogomelos. Actividades que se completarán con obradoiros de cociña a base de cogomelos silvestres tanto para público adulto como infantil.

A primeira actividade será un faladoiro na Casa Doutor Dopeso, o venres 1 de marzo ás 18:30, a cargo de Ángel Lorenzo da asociación de desenvolvemento rural EuroEume, entidade coordinadora do inventario de cogomelos do Monte Forgoselo que se está a realizar nos derradeiros meses.

O 15 de marzo, tamén na Casa Dopeso ás 18:30, José Castro da Sociedade Micolóxica Lucus, desenvolverá unha charla sobre o xénero Cantharellus, no que as persoas participantes coñeceran as diversas especies deste xénero, e poderán resolver dúbidas cun dos responsables da asociación con maior actividade divulgadora micolóxica de Galicia.

O sábado 23 de marzo será o tempo dunha saída ao couto micolóxico do Monte Forgoselo, guiada polas micólogos da Universidade de Vigo e de MycoGalicia. A saída consistirá nun obradoiro in-situ das especies de fungos e flora primaveral que se atopen durante o roteiro, así como afondarase nas metodoloxías que se empregan para a identificación e recolección de cogomelos.

O sábado 6 de abril tocará facer un paseo polo mundo dos liques, que será guiado pola pontesa Graciela Paz, bióloga e profesora da Escola de Enxeñería Forestal da Universidade de Vigo, e no que aprenderemos a observar os liques á beira do río Eume.

A seguinte semana celebrarase o faladoiro sobre o interese etnomicolóxico dos cogomelos. O faladoiro será o 12 de abril ás 18:30 na Casa Dopeso e correrá a cargo de José María Costa Lago da asociación Pan de Raposo, con sé na comarca de Fisterra.

As xornadas contarán, o día 20 de abril en horario de mañá, unha das actividades máis innovadoras desta edición, que consistirá nun roteiro en bicicleta para identificar fungos e cogomelos primaverais presentes na entulleira ou zona de restauración de Goente. A ciclosaída será guiada polo divulgador e youtuber micolóxico Luis Cuba.

O cuarto e derradeiro faladoiro, será o 26 de abril en horario de tarde. O presidente de Pan de Raposo, José Manuel Castro Marcote, presentará por primeira vez a “Nueva Guía de Setas de Galicia” da que é coautor xunto con José María Costa Lago, Manuel Pose e José María Traba, editada recentemente pola Xunta de Galicia.

Xa rematando o mes de abril, está organizada unha saída ao montes para familias o 27 en horario de mañá. A visita pedagóxica ideada para todas as idades, será dirixida por Rubén Villasenín e Miriam Miramontes, da asociación Amabul.

Ao abeiro destas segundas xornadas micolóxicas “As Pontes, Terra de Cogomelos”, haberá saídas micolóxicas para público escolar de todos os centros educativos de primaria e secundaria da localidade. Estas saídas serán guiadas por membros da asociación pontesa Poupariña, continuando coa labor educativa e divulgativa iniciada a finais dos anos oitenta do século pasado.

E por último, as xornadas inclúen 2 concursos de receitas elaboradas a base de cogomelos silvestres, que se desenvolverán ata o 30 de abril, e a partir dos que se deseñarán un receitario coas propostas finalistas do concurso gastronómico. Un dos concurso está dirixido a cociñeiros profesionais e a centros de formación de hostalería de Galicia. E o segundo dos concursos gastromicolóxicos está aberto a todo aquel que guste dos valores culinarios dos cogomelos e queira mostrar publicamente a súa afección polo ben comer.

Para participar nas xornadas só é preciso reservar praza, inscribíndose previamente a través do seguinte enlace https://form.jotform.com/240493668145362. Ademais o Concello tamén habilitou para dúbidas ou aclaracións o teléfono 604.04.73.37 e o correo terradecogomelos@gmail.com

Lea también

Un taxista logra salvarse, a nado, tras precipitarse su coche al mar en As Pías, Fene

Sobre las doce y veinticinco de este jueves, día 21, saltaron todas las alarmas al …